A USC lanza un podcast sobre o máis célebre discurso de Castelao

A USC lanza un podcast sobre o máis célebre discurso de Castelao
Castelao falando en Montevideo nun acto de Galeuzca en 1945. Foto: Picryl

A Cátedra Institucional Castelao da Universidade de Santiago de Compostela vén de presentar en formato podcast unha recreación sonora do Alba de Gloria, o histórico discurso pronunciado por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Bos Aires o 25 de xullo de 1948, considerado o cumio da oratoria en lingua galega. A nova proposta sonora está xa dispoñible e conta coa intervención inicial do director da cátedra, o profesor Henrique Monteagudo.

 

Unha visión épica da identidade galega

A intervención de Castelao, considerada a súa última alocución pública de grande entidade antes do seu pasamento no exilio en 1950, foi pronunciada nun acto multitudinario do galeguismo organizado pola emigración. No discurso, Castelao evoca a festa nacional do 25 de xullo en Galicia e inicia unha procesión simbólica de figuras históricas que conforman unha Compaña de galegos inmortais. A comitiva remata coa aparición dunha moitedume de luciñas e vagalumes, as ánimas humildes e anónimas que foron as verdadeiras creadoras e depositarias do idioma e da cultura galega.

 

O discurso remata cunha mensaxe de esperanza á diáspora galega americana, malia a asunción da derrota e o convencemento do propio Castelao de que non volvería pisar a súa terra natal.

 

Un legado de esperanza e resistencia

Segundo explica o profesor Henrique Monteagudo, “asumida a derrota, abandonadas as expectativas dunha pronta recuperación da democracia e dun retorno á Galicia, Castelao é consciente de que nunca volverá á súa terra, mais envía unha mensaxe de esperanza cara ao porvir do país, fundada nunha confianza inabalable na capacidade do pobo galego para resistir e rexurdir”.

 

A proposta en formato podcast forma parte das actividades de difusión e valorización do pensamento e legado de Castelao que promove a Cátedra Institucional Castelao da USC, e busca achegar este documento histórico a novas xeracións e públicos, recuperando o seu carácter épico, simbólico e emocional a través do formato sonoro.

A USC lanza un podcast sobre o máis célebre discurso de Castelao

Te puede interesar