O Pazo da Peregrina de Bertamiráns converterase este sábado, 7 de xuño, nun espazo cheo de vida, música, contos e aprendizaxe coa celebración da VI Festa do Apego, organizada polo Concello de Ames a través da súa Concellería de Normalización Lingüística. A xornada, que se desenvolverá entre as 11:00 e as 21:00 horas, estará dedicada a promover unha crianza positiva, creativa e en galego, con actividades totalmente gratuítas e sen necesidade de inscrición previa.
Ao longo do día, as familias poderán gozar de espectáculos musicais, obradoiros creativos, teatro, espazos de xogo libre, lectura compartida e asesoramento sobre recursos educativos. A programación comeza ás 11:00 co espectáculo Barquiño de pau, da Tropa de Trapo, e inclúe propostas para todas as idades, como Brincadeiras da lingua de Migallas Teatro, Pelica de Burra de Vero Rilo e Luís Iglesias, ou o concerto de Novas vellas melodías con Pablo Díaz e Rubén Barros.
O peche da festa correrá a cargo da Gramola Gominola, que ofrecerá un concertazo para todas as idades a partir das 20:00 horas.
Ademais das actuacións, durante todo o día haberá espazos permanentes abertos no patio do Pazo, como o espazo de recursos con Fabaloba, o espazo de xogo libre con Miudiño, os xogos de mesa de Brazolinda, ou o obradoiro creativo con Pedras de Papel. Tamén se poderán facer chapas e tatuaxes con Apego, e visitar a ciclobiblioteca ambulante de Anxo Moure, que percorrerá os espazos da festa con contos e música.