A exposición Tattoo. Arte baixo a pel, impulsada pola Xunta de Galicia e o musée du quai Branly–Jacques Chirac (Francia) coa colaboración da Fundación “la Caixa”, exhibirá a partir do vindeiro xoves 24 de outubro na Cidade da Cultura obras dalgúns dos mellores artistas da tatuaxe actual nun formato único e innovador.
A mostra exporá unha vintena de modelos de silicona hiperrealistas, tatuados por mestres como Horiyoshi III, depositario do legado da tatuaxe tradicional xaponesa, o suízo Filip Leu, un dos tatuadores máis influentes e solicitados a nivel mundial, cunha lista de agarda de ata dez anos, e tamén de pioneiras na introdución da cor no estilo hiperrealista, como a estadounidense Kari Barba, Paul Booth, creador de deseños escuros que seduciron a músicos de bandas de rock como Slayer, Slipknot, Lamb of God ou Sepultura. Ou o holandés Henk Schiffmacher (Hanky Panky), que tatuou a estrelas como Lady Gaga e os Red Hot Chili Peppers, e estará presente na apertura da mostra.
Estas orixinais pezas, realizadas por empresas especialistas en maquillaxe e réplicas para cine, forman parte da maior e máis diversa exposición internacional sobre tatuaxe realizada ata agora, composta por máis de 240 obras históricas e contemporáneas de 18 países e comisariada por Anne Richard, destacada axente cultural da arte europea de vangarda e fundadora da influente revista HEY! Modern Arte & Pop Culture.
A través de fotografías, debuxos, pinturas, audiovisuais, ferramentas de tatuar e modelos tatuados procedentes dos cinco continentes, o público galego descubrirá en Tattoo. Arte baixo a pel as orixes, evolución, simboloxía e fundamentos dunha práctica presente en todas as épocas e culturas do mundo.
O atractivo e calidade da mostra e a excelente acollida de público no seu periplo internacional por museos e institucións culturais de Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán e Rusia —así como os centros da Fundación “la Caixa” en España— moveron á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a traballar man a man co Quai Branly para que as galegas e galegos teñan ocasión de visitala no Museo Gaiás, onde permanecerá ata o 20 de abril de 2025.
Tattoo. Arte baixo a pel completa o programa de exposicións internacionais de 2024 da Cidade da Cultura. Unha oferta que suma ata hoxe máis de 75.000 visitantes grazas a mostras como Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, ou Unha vida viquinga, aberta aínda ata o mes de xaneiro .