A Xunta incrementa un 19% o orzamento para a formación do persoal contra incendios forestais

Destinará preto de 1,8 millóns de euros en 2025 e 2026 a formación especializada
A Xunta incrementa un 19% o orzamento para a formación do persoal contra incendios forestais
Xornada formativa para o persoal do SPIF

A Xunta de Galicia reforza de maneira significativa a preparación dos seus servizos de loita contra os incendios forestais. Para o bienio 2025-2026, o Goberno galego destinará preto de 1,8 millóns de euros a programas de formación e adestramento do persoal, o que representa un incremento do 19% respecto ao orzamento do período anterior.

 

Este esforzo enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), e prevé a realización de cursos e accións formativas, dirixidas tanto a profesionais do operativo como a persoal de entidades locais e poboación xeral.

 

Seis liñas de formación e nova figura de xefe/a de loxística

O plan formativo organizarase en seis programas específicos: cursos monográficos, itinerarios profesionais, adestramento operativo, formación para persoal de entidades locais, accións de sensibilización cidadá e programas divulgativos.

 

Unha das principais novidades do Pladiga 2025 é a incorporación, dentro do plan de extinción, da figura do xefe ou xefa de loxística, que será desempeñada por técnicos ou axentes durante incendios complexos. Este perfil operativo será clave para mellorar a coordinación no terreo: xestionará a mobilidade dos medios, as comunicacións, o avituallamiento, o aloxamento do persoal e outras subministracións esenciais durante as intervencións.

 

Reforzo do persoal e medios

O operativo contra incendios en Galicia contará este 2025 con máis de 7.000 persoas, cifra similar á de anos anteriores. Refórzase ademais a dispoñibilidade do persoal laboral fixo-descontinuo, que este ano traballa xa durante oito meses (un máis que en 2024) e en 2026 alcanzará os nove meses.

 

En canto aos medios materiais, Galicia dispoñerá dunha trintena de aeronaves (propias e estatais), ao redor de 380 motobombas e vehículos pesados, e continuará coa modernización do parque móbil. Desde 2013 renováronse 137 motobombas e en 2025 adquiriranse tres unidades máis.

 

Prevención nos seis parques naturais e uso de tecnoloxía

O Pladiga 2025 poñerá énfase na elaboración de plans preventivos específicos para os seis parques naturais de Galicia, compatibilizando a protección da súa biodiversidade coa xestión do risco de incendios. Ademais, avanzarase no desenvolvemento dunha ferramenta tecnolóxica para avaliar o risco de incendios e definir estratexias preventivas en áreas clave, nas provincias de Pontevedra e Ourense mediante o proxecto europeo USE4FOREST.

 

Tamén se continuará con traballos de creación de áreas devasas, mantemento de pistas forestais, tratamentos silvícolas preventivos e queimas prescritas. Revisaranse os máis de 5.000 puntos de auga dispoñibles no territorio.

 

Sensibilización e investigación

En materia de sensibilización, darase continuidade ao Programa de sensibilización en centros educativos, coa publicación de novo material divulgativo protagonizado por Os Bolechas, incluíndo 3.500 libros, 10.000 cadernos e 10.000 unidades didácticas.

 

Na vertente investigadora, o Plan reforza o control en parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI). Para 2025 redúcense a 26 parroquias (14 menos que en 2024), incorporando dúas novas (Requeixo, en Chandrexa de Queixa, e Pontellas, no Porriño) e saíndo 16 da listaxe anterior.

 

Renovación de infraestruturas con 13,7 millóns

O Plan de mellora de infraestruturas inclúe un orzamento de 13,7 millóns de euros para o período 2025-2026, destinado á construción ou renovación de sete instalacións clave. Entre elas destacan unha nova base aérea en Lalín, reformas en Valga, Portas e Tui (Pontevedra), así como Sandiás e Bande (Ourense).

 

Crearanse novas bases operativas (BUO) en Valga, Portas e Bande e esta última tamén acollerá a sede do Distrito Forestal XV-A Limia. Estas actuacións contarán con cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder) e o Feader, segundo os casos.

 

Con estas medidas, a Xunta reforza o seu compromiso cunha loita integral contra os incendios forestais, combinando prevención, formación, sensibilización, investigación e modernización de medios e infraestruturas.

A Xunta incrementa un 19% o orzamento para a formación do persoal contra incendios forestais

Te puede interesar