A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou onte nunha xornada organizada polo Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Melide en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, na que presentou o programa Impulsa o Talento novo, que ten como obxectivo achegar proxectos de emprendemento ás mozas e mozos universitarios de Galicia.
Esta iniciativa busca promover, por unha banda, que os estudantes teñan acceso a experiencias prácticas reais no marco da realización dos seus traballos de fin de grao ou de fin de mestrado -contactando con profesionais do seu sector e incrementando as posibilidades de contratación-; e, por outra banda, que as novas empresas ou emprendedores poidan acelerar os seus proxectos estratéxicos sumando unha visión innovadora.
Na súa intervención, Marta Mariño fixo fincapé no labor da Rede de polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego —iniciativa pública nada en xullo de 2022— que presta, de forma gratuíta e a través das súas 15 oficinas, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo e quere consolidarse, cunha cifra na actualidade de máis de 3.700 proxectos asesorados. No eido do talento mozo, destacou a futura Estratexia mocidade activa, dotada con 20 M€, soamente por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e que abarcará distintas iniciativas encamiñadas a impulsar o emprego xuvenil.