A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará o luns, 28 de abril, a exposición de pintura “Cousa de dous” do artista Xurxo Ameneiro. O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre. A exposición poderase visitar ata o 16 de maio, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas (recoméndase avisar previamente da visita no teléfono 981 55 28 50).
O pintor titula a mostra “Cousa de dous” para facer referencia ao apoio da súa esposa Carmela, que o animou a profundar na pintura facilitándolle un rocho para desenvolver a súa paixón, e máis tarde acondicionando un baixo que se converteu no seu estudio, un espazo con luz natural de 25 metros cadrados.
A exposición está composta por 30 obras que abarcan os seus trinta anos de dedicación pictórica, que reflicten o pasado, presente e futuro da súa vida. Amosa obra pequena de 20x30, obra mediana de70x80, e tamén algunhas que sobrepasan os 100x90 centímetros, a maior parte delas creadas ao óleo e outra parte en pastel, ben sobre papel de arroz, vexetal, celulosa, tablilla e lenzo. “As obras representan o meu pasado con ideas convulsas e enfrontadas, o presente con moita luz e positividade, e un futuro contemplativo e relaxado” –explica–.
Xurxo Ameneiro Rodríguez naceu no Milladoiro (Ames, 1968), á beira da Capela da Magdalena. Cursou estudos en Calo e no Colexio Peleteiro de Santiago. Despois dun ano en Ferrol, no Corpo de Artillería, e de varios traballou, comezou a traballar intensamente no mundo da hostalería, concretamente, na Bodeguilla, preto do Centro Galego de Arte Contemporánea, que durante anos foi centro de reunións, encontros e tertulias de boa parte dos artistas galegos en todas as súas modalidades.
Así, como pintor autodidacta, Xurxo Ameneiro percorreu todas as salas e museos de Compostela avivando a súa inquedanza creativa.