Os alcaldes de Rois e Dodro reúnense co Xerente da Área Sanitaria de Santiago ante a inquedanza da veciñanza pola futura xubilación do pediatra

Os alcaldes de Rois e Dodro reúnense co Xerente da Área Sanitaria de Santiago ante a inquedanza da veciñanza pola futura xubilación do pediatra

Os alcaldes de Dodro, Xabier Castro, e Rois, Ramón Tojo, reuníronse este xoves co xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, ante a preocupación da veciñanza pola futura xubilación do pediatra que atende a estes dous concellos.

A reunión fora solicitada polos rexedores e no transcurso da mesma o Xerente informoulles das xestións que está a levar a cabo a dirección da área sanitaria compostelá para atopar un pediatra que manteña a atención sanitaria.

 

No encontro, no que tamén estivo o director de procesos asistenciais da área sanitaria, Javier Ventosa, púxose de manifesto as enormes dificultades que atravesa a sanidade pública española para atopar pediatras en atención primaria. Non obstante mantense firme o compromiso de volver á situación previa á xubilación do actual pediatra, nas mesmas condicións.

 

Dodro comparte pediatra con Rois. Hai un único profesional que atende aos nenos e nenas de ambos Centros de Saúde xa que entrambos suman un cupo de preto 450 nenos/as en total, cando a sociedades científicas recomendan cupos tope de 900 nenos/as.

 

O alcalde de Dodro, Xabier Castro, insistiu na necesidade de atopar unha solución e na importancia que este tipo de servizos teñen no rural. Para Xabier Castro “non se pode dar nin un paso atrás en servizos para poder garantir o futuro do rural”.

 

Situación actual

 

Na actualidade o pediatra titular está ausente e xa non se incorporará porque se xubila, así pois, a dirección de atención primaria leva meses facendo unha busca activa para atopar substituto. Mentres, os pacientes pediátricos son atendidos no Centro de Saúde de Padrón, que ten un pediatra titular e conta cun reforzo temporal doutro pediatra en canto non se acade a contratación doutro profesional para esta praza.

 

Desde a Xerencia destacan que os menores teñen a atención sanitaria totalmente garantida. Tanto polo propio médico de familia dos seus centros de saúde (os maiores de 2 anos) como por un pediatra en Padrón (os menores de 2 anos). Cando o facultativo de Atención Primaria de Dodro ou Rois o estime necesario, será un pediatra o que atenda aos nenos de máis de dous anos.

 

Destacar que non hai demora na atención sanitaria en ningún destes centros e que dada esta situación temporal a solicitude de cita para unha consulta ten que ser telefónica ou presencial, non vía internet.

Os alcaldes de Rois e Dodro reúnense co Xerente da Área Sanitaria de Santiago ante a inquedanza da veciñanza pola futura xubilación do pediatra

Te puede interesar