No corazón do emblemático hotel San Francisco, entre os muros de pedra que foron testemuñas de séculos de historia picheleira, a música e a reivindicación da igualdade mesturáronse a pasada noite nun mesmo compás.
A Xunta elixiu este escenario para anunciar, co gallo do Día Internacional da Muller, a creación dunha bolsa para favorecer a inserción das nosas profesionais na industria musical.
Trátase dunha iniciativa que xorde ao abeiro de ‘O Noso Canto’, unha canción interpretada por unha constelación de voces femininas que representan o pasado, o presente e o futuro da cultura galega. Os beneficios que xere a peza, sumados á achega económica que fai o Executivo autonómico, financiarán as axudas.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, foi a encargada de explicar os fins desta medida, que nace froito da colaboración de máis de trinta artistas emerxentes e consolidadas do país. “É un proxecto único. Nunca se fixera algo así”, afirmou, para insistir en que só é parte dunha iniciativa máis ambiciosa que se fixa o obxectivo de favorecer a inserción laboral feminina.
“Continuaremos apostando polo emprego para que as nosas mulleres poidan crear as súas propias empresas e non teñan que poñerse metas”, insistiu Fabiola García entre os aplausos dun público que soubo ver na proposta un paso adiante na loita pola igualdade.
Desde Arxentina, o presidente, Alfonso Rueda, sumouse á cita a través dunha intervención en vídeo, na que expresou o forte compromiso da Administración coa igualdade de xénero real.
Se a música é a expresión máis pura da alma, Galicia onte cantou forte e claro. A través desta iniciativa, a Xunta non só impulsa a igualdade na industria musical, senón que avanza cara a un futuro xusto, onde o talento feminino non atope teitos, senón escenarios nos que brillar.