O Concello do Pino celebrará o vindeiro sábado, 22 de febreiro, unha nova edición da Masterclass de Zumba Solidaria, que terá lugar a partir das 18:00 horas no Polideportivo Municipal de Lameiro. O evento ten un obxectivo solidario, xa que o importe da entrada, fixado en 5 €, destinarase integramente á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e outras enfermidades (ACEM).
A actividade estará aberta a toda a veciñanza que desexe participar nunha xornada de diversión e compromiso social. Monitores e monitoras especializadas conducirán a sesión de zumba, garantindo unha experiencia dinámica e apta para todas as idades.
Como parte da celebración, a organización anima aos asistentes a acudir disfrazados, en sintonía coa proximidade do Entroido, co obxectivo de encher de cor e alegría o polideportivo.
Con esta iniciativa, o Concello do Pino reafirma o seu compromiso coa promoción de hábitos saudables e co apoio a causas sociais de gran relevancia. Os fondos recadados contribuirán a mellorar a atención ás persoas que padecen esclerose múltiple, párkinson, ELA e outras enfermidades, así como a brindar apoio ás súas familias.
Dende o Concello, anímase a toda a cidadanía a participar nesta Masterclass de Zumba Solidaria, unha oportunidade para combinar deporte e solidariedade nun ambiente festivo e comunitario.