Mañá, sábado 5 de abril, entre as 10:00 e as 14:00 horas, a sede da Asociación AMIPA en Sorribas, Rois, acollerá a gravación dun vídeo no que cinco mulleres con discapacidade intelectual da Asociación serán modelos por un día, lucindo pezas exclusivas da ourive e artesá local Sonia Ares.
Baixo o nome No Camiño, bautizado pola propia creadora, o proxecto pon o foco no camiño cara á inclusión, cara á igualdade real e cara ao futuro das mulleres con discapacidade intelectual. As participantes terán a oportunidade de ser as primeiras en vestir e amosar as creacións da deseñadora en formato audiovisual.
O vídeo estará dirixido polo realizador Paulo de Oliveira, mentres que a maquillaxe e o peiteado correrán a cargo do eco-salón de beleza Silvia’s Look de Padrón, garantindo unha experiencia profesional e inmersiva para as protagonistas. Esta iniciativa xorde tras a participación de Sonia Ares en Airea Local, un proxecto de innovación social desenvolvido en xuño de 2024 na sede de Amipa, no que máis de 90 persoas exploraron novas formas de construír comunidades máis inclusivas.
AMIPA é a Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar, creada en 1997 para mellorar a vida das persoas con discapacidade e as súas familias. Co seu centro ocupacional en Sorribas (Rois), promove a formación, o emprego e a inclusión a través de diversas actividades e colaboracións con empresas e entidades sociais