Rois celebra a Rosalía con concertos, posadoiro, sorteos e Caldo de Gloria nos locais hostaleiros

Os establecementos do municipio agasallarán a súa clientela con Caldo de Gloria e pousavasos o domingo 23 de febreiro
Rois celebra a Rosalía con concertos, posadoiro, sorteos e Caldo de Gloria nos locais hostaleiros
Rois con Rosalía

O Concello de Rois prepárase para celebrar o Día de Rosalía cunha programación diversa que combina gastronomía, música e literatura para renderlle homenaxe á gran poeta galega. O “Caldo de Gloria”, inspirado no poema Miña casiña, meu lar, será unha vez máis o protagonista desta celebración, acompañado por actividades culturais ao longo do mes de febreiro. 

 

O domingo 23 de febreiro, os establecementos hostaleiros do municipio ofrecerán unha tapa de caldo de gloria a todas as persoas que se acheguen a degustalo, levando tamén un orixinal pousavasos en homenaxe á autora. Un total de 11 locais participan nesta iniciativa: Mesón A Casiña, Café-bar A Lúa, Taberna Angueira, Hotel Camiño do Mar, Taberna Casa Benjamín, Casa rural Fogar do Selmo, Café-bar Malecón, Bar Muelle, Bar O Pemento, Club de golf Val de Rois e Taberna Venezuela. A música terá un papel fundamental nesta conmemoración, cunha serie de concertos organizados no Auditorio municipal. 

 

O venres 21 e o sábado 22 de febreiro, a Escola Municipal de Música de Rois ofrecerá dous concertos de solistas, mentres que o domingo 23 será Xoán Curiel quen presente o seu espectáculo Treides comigo!, no que tamén participará alumnado da ESMU. Dende o 21 de febreiro e ata final de mes, a biblioteca municipal de Rois contará cun espazo dedicado a Rosalía, onde as persoas visitantes poderán descubrir novas adquisicións literarias sobre a escritora e facerse unha foto no posadoiro especial preparado para a ocasión. 

 

Un ano máis, o Concello anima a toda a cidadanía a compartir contidos relacionados con Rosalía nas redes sociais entre o 21 e o 28 de febreiro, utilizando os cancelos #RoisconRosalía e #DíadeRosalía. Entre todas as persoas participantes sortearanse dous lotes de libros sobre a autora, un en Facebook e outro en Instagram. 

 

Como parte da homenaxe, o Concello distribuirá 2.025 manteis e 1.000 pousavasos conmemorativos nos centros educativos CPI Os Dices, CPPI O Pumar e A Galiña Azul, así como na Asociación Amipa e no Centro de día de Urdilde. Ademais, Rois tamén se suma ao VII Festival Rosalía "Sen pombas nin flores", impulsado pola Deputación da Coruña, cuxa programación pode consultarse en https://www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/festival-rosalia/.

 

 

O Concello de Rois convida a toda a veciñanza a participar nestas actividades para celebrar a Rosalía en comunidade e manter vivo o seu legado. Esta programación conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, así como da Casa de Rosalía, da que o Concello é mecenas.

Rois celebra a Rosalía con concertos, posadoiro, sorteos e Caldo de Gloria nos locais hostaleiros

Te puede interesar