Unha nutrida delegación da Academia de Música de Santo André visitará Rois a semana que vén

A delegación portuguesa devolve a visita que lle fixo o alumnado da Escola de Música de Rois no marco dun intercambio cultural
Unha nutrida delegación da Academia de Música de Santo André visitará Rois a semana que vén
A Escola de Música de Rois

Rois recibirá a semana que vén a visita dunha delegación da Academia de Música de Santo André no marco dun intercambio cultural coa Escola de Música de Rois, cuxos integrantes xa viaxaron en novembro á localidade portuguesa, situada no municipio de Santiago do Cacém a uns 150 quilómetros ao sur de Lisboa. Este encontro de convivencia culminará o sábado 12 de abril cun concerto que ofrecerán conxuntamente ámbalas agrupacións no auditorio do Campus Tecnolóxico Cortizo.

 

A comitiva portuguesa, formada por un total de 53 persoas entre alumnado e familias, estará en Rois entre o xoves 10 e o domingo 13 de abril. Aloxarase no polideportivo de Rois (que por este motivo deberá suspender as actividades deportivas municipais xoves e venres) e desenvolverá un completo programa de actividades para que poida achegarse á cultura galega, coñecer Rois e outros lugares da contorna e gozar da nosa gastronomía.

 

O venres 11, a comitiva portuguesa comezará o día no multiúsos cunha xornada de convivencia con alumnado da Escola de Música de Rois e do obradoiro de emprego. Desfrutará despois dunha recepción oficial no Concello de Rois e trasladarase a continuación a Seira para facer o treito dos Fondóns da Ruta de Rosalía nos Camiños. Xa pola tarde, realizará un ensaio e visitará a Casa de Rosalía e a vila de Padrón.

A programación continúa o sábado 12 coa visita a Santiago, un novo ensaio e o concerto que ofrecerá a Orquestra de sopros e percussão da Academia de música de Santo André conxuntamente coa Escola de Música de Rois. A cita terá lugar ás seis da tarde no auditorio do Campus Tecnolóxico Cortizo e iniciarase cunha actuación de Xiao Berlai e Xoán Curiel.

 

Entradas e reservas

As entradas son limitadas, polo que é necesaria inscrición previa entre o 2 e o 9 de abril a través do teléfono 981 816 061 ou do correo inscricions@rois.gal. Terán preferencia as persoas empadroadas en Rois.

O encontro pecharase cunha cea de convivencia no polideportivo, no que participarán tamén as familias da Escola de Música de Rois, que aportarán distintos platos tradicionais. A cea contará coa actuación de Pablo Díaz, que convidará as persoas asistentes a aprender baile galego grazas ao seu espectáculo interactivo Cantareiras e a tradición oral, un percorrido polas figuras das pandeireteiras ás que se lles dedica este ano o Día das Letras Galegas. O espectáculo está encadrado na Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Unha nutrida delegación da Academia de Música de Santo André visitará Rois a semana que vén

Te puede interesar