No día hoxe a directora do Refuxio de Bando, Olalla García, e dous dos seus voluntarios visitaron xunto co alcalde de Vedra os centros escolares do concello para explicar o traballo que as dúas entidades realizan en colaboración no ámbito do abandono de animais de compañía e repartiron entre a comunidade escolar o libro de Os Bolechas no que se conciencia sobre a responsabilidade na tenza de animais de compañía.
Durante esta visita ademais de coñecer de primeira man o labor que se realiza no Refuxio o alumnado puido coñecer ás peludas, Megan e Perla, dúas dos máis de cincocentos animais que seguen esperando un fogar en Bando.
“Agradecemos ao Refuxio de Bando pola gran labor que realizan. Moi especialmente á súa directora Olalla García e aos voluntarios María e Iván por achegarse a Vedra e contarnos con tanta implicación e interese o voso traballo. E tamén por suposto agradecer á nosa comunidade educativa por responder con tan boa vontade a esta iniciativa: O CPI Plurilingüe de Vedra, o CEIP de Ortigueira e ao CRA Boqueixón-Vedra Neira Vilas", declararon desde o Concello.