A Ponte Maceira volverá a apagarse o sábado 19 de xullo, a partir das 21.00 horas, para acoller unha das citas culturais máis esperadas do verán na comarca: unha nova edición das Noites en Vela, o evento que dende o ano 2016 une aos concellos de Ames e Negreira arredor da música tradicional e o patrimonio.
Este ano, as protagonistas serán as cantareiras As Maianas, orixinarias de Ames, e o recoñecido dúo Caamaño & Ameixeiras, que pecharán a noite cun concerto que mestura tradición e vangarda sonora. A velada culminará cun espectáculo pirotécnico, e a entrada será totalmente gratuíta.
A presentación da edición deste ano tivo lugar este luns na propia Ponte Maceira, enclave declarado Ben de Interese Cultural en 2022 e incluído na listaxe dos pobos máis fermosos de España. Alí estiveron presentes o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, ademais de persoal técnico de ambos departamentos de cultura.
Blas García subliñou que as Noites en Vela son “unha das nosas celebracións máis destacadas, cun telón de fondo incomparable como é A Ponte Maceira”. Pola súa banda, Leis destacou o valor turístico e patrimonial do evento: “É un bo xeito de poñer en valor e dar a coñecer A Ponte Maceira a través da música”.
O cartel deste 2025 pon o foco no folclore galego contemporáneo, da man de dúas propostas con gran identidade:
A actividade é de acceso libre e gratuíto, e desde a organización anímase á veciñanza, así como a peregrinos e turistas, a gozar dun evento que cada ano reúne a centos de persoas arredor da música, a noite e o patrimonio.