A bioloxía sintética busca dende hai anos construír células artificiais capaces de reproducir algúns dos procesos máis complexos da vida. O obxectivo é dobre: comprender mellor os principios fundamentais da evolución celular e, ao mesmo tempo, xerar ferramentas innovadoras para a biomedicina e a biotecnoloxía.
Neste contexto, un equipo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) lograron un importante avance nesta materia cunha investigación ven de ver a luz no Journal of the American Chemical Society (JACS) co título "Dendritic Membranized Coacervate Microdroplets: A Robust Platform for Synthetic-Living Cell Consortia" e baixo a dirección de Eduardo Fernández Megía.
“O resultado é un novo tipo de célula artificial resistente e funcional que imita as naturais, pero construída a partir de compoñentes básicos”, destaca Lucas García Abuín, coautor do estudo xunto a Celia Jiménez López e o profesor Fernández Megía. O traballo é unha das liñas que investiga o laboratorio de Fernández Megía no CiQUS da USC, centro que conta co apoio da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.