O CEIP de Barouta organizará este xoves 30 de xaneiro a IX edición da carreira solidaria “Móvome pola paz”, unha iniciativa vinculada ao Día Internacional da Paz. O evento, que busca recadar alimentos e produtos de hixiene para o banco de alimentos municipal, tamén ten como obxectivo recadar fondos destinados á emerxencia en Gaza (Palestina), que serán enviados a través da Axencia das Nacións Unidas (UNRWA).
O director do centro, Alonso Caxade, destacou que a actividade fomenta a unión entre os rapaces: “Se busca facer unión entre os rapaces e rapazas xa que se encontrarán o ano que vén no instituto”. A proba, de carácter non competitivo, contará con percorridos adaptados ás diferentes idades e incluirá distancias dentro e fóra do recinto escolar, co apoio da Protección Civil de Ames e a Policía Local para garantir a seguridade.
A carreira está aberta á participación da veciñanza, ademais do alumnado de Barouta e outros centros educativos como os CEIP da Maía, Agro do Muíño e as escolas unitarias de Ames. Para quen non participe correndo, o CEIP de Barouta habilitará unha recollida de alimentos no centro, de 8:30 a 15:00 horas, facendo un chamamento á reflexión sobre as doazóns: “É importante resaltar a importancia nos nenos e nenas en emerxencia social e tamén pensar na súa perspectiva cando facemos unha doazón a un banco de alimentos”.
A iniciativa estará amadriñada, como en anos anteriores, por unha persoa vinculada ao ámbito da cooperación e incluirá a venda de rifas para sortear catro lotes de libros, continuando co obxectivo de apoiar ás persoas en situación de emerxencia social. Na última edición, lográronse preto de 3.000 euros e máis de 500 toneladas de alimentos.
A carreira conta co apoio de múltiples patrocinadores, entre eles Gadis, CLUN-Feiraco, Froiz, Cabañitas do Bosque e outros, que permiten dotar a todos os participantes dunha bolsa de agasallo con froita, auga, iogur bebible e outros detalles.
Con esta acción, o CEIP de Barouta consolida o seu compromiso coa solidariedade e o respecto aos dereitos da infancia, demostrando que pequenos xestos poden ter un impacto significativo tanto a nivel local como internacional.