Boqueixón revive a Batalla de Ponte Ledesma e ilumina a súa ponte histórica coa Noite Velada

Boqueixón revive a Batalla de Ponte Ledesma e ilumina a súa ponte histórica coa Noite Velada
O campo do río converterase en escenario de dúas citas culturais con música tradicional, lume de candeas e memoria histórica

O Concello de Boqueixón prepárase para unha fin de semana cargada de tradición, cultura e historia viva. O campo do río de Ponte Ledesma acollerá dúas actividades de entrada libre que buscan poñer en valor o patrimonio material e inmaterial da zona: a Noite Velada, que se celebra este venres 1 de agosto a partir das 21.30 horas, e a recreación da Batalla de Ponte Ledesma, que terá lugar o domingo 3 ás 20.00 horas.

 

Candeas, música e tradición na Noite Velada

A Noite Velada é unha iniciativa organizada polo Departamento de Turismo de Boqueixón, pensada para facer brillar a ponte histórica de Ledesma coa luz das candeas e as teas. O evento, que xa se converteu nun clásico do verán no municipio, contará coa música dos grupos Muxicas da Silveira, a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio e Leirabuxo.

 

A entrada será libre e gratuíta ata completar o aforo de butacas, aínda que o público tamén poderá seguir as actuacións de pé ou sentado no céspede. Haberá postos de comida e bebida, facendo da cita unha auténtica noite festiva ao aire libre.

 

O pobo contra o exército napoleónico

Dous días despois, o domingo 3 de agosto, o mesmo espazo converterase no escenario da recreación da Batalla de Ponte Ledesma, que rememora a vitoria da veciñanza da comarca, liderada pola Xunta de Trasdeza, fronte ás tropas napoleónicas no ano 1809.

 

A posta en escena contará coa participación de veciños e veciñas de Boqueixón e membros da Asociación Cultural Héroes de Casaldeirigo (Valga), no papel de tropas francesas. Todo baixo a dirección do actor Suso Martínez, que será tamén o narrador dos feitos, e coa música de Manoele de Felisa, engadindo emoción e atmosfera á escenificación.

 

O Concello realizou nos últimos días traballos de limpeza e acondicionamento na contorna da ponte, situada nun enclave natural á beira do río Ulla, para garantir unha experiencia óptima nun lugar onde historia e natureza se dan a man.

Boqueixón revive a Batalla de Ponte Ledesma e ilumina a súa ponte histórica coa Noite Velada

Te puede interesar