Un estudo da USC destaca o papel das Indicacións Xeográficas na sostibilidade do sector agrario

A investigación, baseada en máis de cen entrevistas, revela que estas certificacións fortalecen o tecido produtivo e axudan a preservar a identidade local
Un estudo da USC destaca o papel das Indicacións Xeográficas na sostibilidade do sector agrario
Os pementos de Herbón correspóndese cunha das IX abordadas na tese | Pemento de Herbón

As Indicacións Xeográficas (IX), entre as que se inclúen as figuras de Denominación de Orixe Protexidas, son mecanismos útiles para manter as rendas dos profesionais da agricultura e xerar impactos positivos para as producións e os territorios nos que se insiren. Así o demostra o traballo titulado "Xeografías críticas dos procesos de construción e de xestión das figuras de Indicación Xeográficas para produtos agroalimentarios", realizado por Rubén Boga baixo a dirección do profesor do departamento de Xeografía da USC, Valerià Paül. O estudo analizou un total de doce casos de producións con este tipo de distintivos arredor do mundo, dende as Denominacións de Orixe galegas pemento de Herbón e queixo do Cebreiro ata exemplos en países como Francia, Eslovenia, Perú e Ecuador.


“A investigación non tratou tanto de demostrar os impactos tanxibles en termos de desenvolvemento rural das producións estudadas, senón de comprender, primeiro, por que os labregos poden querer acollerse a unha Indicación Xeográfica e, segundo, que tipo de factores e dinámicas poden darse para que estas certificacións cumpran de maneira efectiva cos seus propósitos”, explica o investigador. O traballo de investigación que deu lugar á súa tese de doutoramento baseouse na aplicación de 104 entrevistas a produtores, responsables políticos e outros perfís, coa fin de recoller de primeira man as experiencias e opinións propias das persoas que fican detrás das IX seleccionadas.


Singularidades

O traballo amosa que, con todo, existen diferenzas no xeito no que as IX funcionan. “En casos coma o do Pemento de Herbón, temos un produto que xa posuía fama e unha reputación no mercado. Aquí a Indicación Xeográfica representou unha fonte de protección fronte a fraudes que permitiu manter o plus económico do que xa gozaba o produto, semellante a como sucedeu coa champaña no seu momento. En cambio, no caso do queixo do Cebreiro, que non era tan coñecido fóra da súa zona, a Indicación Xeográfica foi útil para promocionar e desenvolver económica e profesionalmente esta produción”, sinala Rubén Boga.


Estas diferenzas resultan cruciais á hora de entender o rol que poden asumir as institucións públicas no apoio a estas producións. Para o caso de Herbón, comprobouse a necesidade de contar cun marco lexislativo favorable como garante. O investigador destaca que “nos anos 1980, na ausencia dunha lexislación que recoñecese a posibilidade de rexistrar hortalizas como Indicación Xeográfica, o topónimo de ‘Padrón’ resultou apropiado e capitalizado por unha empresa particular como unha variedade de pemento coa que lucrarse”. No lado oposto, explica que o apoio institucional brindado pola Xunta de Galicia resultou fundamental para promocionar e dar visibilidade á IX do Queixo do Cebreiro fóra das montañas dos Ancares.


Sentido e identidade

Esta investigación demostrou por primeira vez que unha IX pode xerar beneficios económicos tamén para outros produtos similares da mesma zona que non teñen a certificación, grazas á asociación co prestixio que achega a propia IX. No caso do Queixo do Cebreiro, algunhas queixeiras artesanais non certificadas da contorna recoñeceron iniciar a súa actividade logo da aprobación da IX, grazas a asociarse o seu territorio coa produción dun queixo de calidade. 

 

A tese de doutoramento sinala asemade que a valorización e promoción comercial dunha IX contribúe a proxectar a imaxe territorial da súa rexión. “Nos casos galegos analizados isto non resultou tan evidente, pero estudei exemplos nos que esta promoción territorial se aproveita con fins turísticos”, detalla Rubén Boga. Outro achado relevante é que moitas veces, a obtención dunha IX impulsa dinámicas de innovación no sector, por exemplo, con novas formas de organización empresarial e o lanzamento de produtos derivados, como foi o caso de marmeladas no caso do pemento.

Un estudo da USC destaca o papel das Indicacións Xeográficas na sostibilidade do sector agrario

Te puede interesar