Así foi o paso do temporal Herminia por Brión

Así foi o paso do temporal Herminia por Brión
Ponte en Liñares

Fin de semana complicada en Brión polo paso do temporal Herminia, que trouxo cuantiosas chuvias e fortes refachos de vento. Sen embargo, a boa actuación do dispositivo posto en marcha polo Concello de Brión con persoal do GES de Brión e do servizo municipal de obras, dirixidos polo alcalde, Pablo Lago, e o concelleiro de Obras, José Antonio Vidal, conseguiu minimizar os danos.

 

“Durante o sábado procedemos a colocar barreiras naqueles puntos e aldeas que sufriran asolagamentos nos anteriores temporais e durante o domingo estivemos facendo traballo de limpeza e comprobación da efectividade das barreiras”, explica José Antonio Vidal, quen remarca que “no caso da aldea do Cabo, unha das máis afectadas sempre ao estar a un nivel por debaixo do cauce do río, conseguimos que non se inundaran as vivendas que se asolagaran hai unhas semanas”.

 

OCabo
O Cabo

 

Aínda que os traballadores municipais e os voluntarios de Protección Civil estiveron traballando ao longo de todo o concello, o seu labor centrouse especialmente nas aldeas do Cabo, O Rial, Estrar, A Torre e Liñares, onde durante o domingo estívose a retirar maleza e ramas caídas sobre o cauce do río para despexar no posible o paso da auga pola ponte de Liñares. Uns traballos que continuaron durante esta mañá de luns.

 

Así mesmo, durante o domingo a maquinaria municipal estivo traballando arreo na limpeza e recollida de elementos caídos sobre os distintos viarios que cruzan o concello, ademais de aproveitar para limpar cunetas para evitar acumulacións de auga, como no caso do Rial e as reixas do abastecemento para facilitar o tránsito das augas pluviais.

 

Barreiras
Barreiras

 

Pola súa banda, Pablo Lago agradece o traballo realizado esta fin de semana polo persoal municipal e asegura que "somos conscientes de que non puidemos chegar a todos os núcleos e vivendas damnificadas, pero vímonos superados polas duras condicións meteorolóxicas desta fin de semana. Aínda así, estivemos ao carón dos veciños todo canto puidemos e seguiremos estando atentos e traballando para poder aliviar as consecuencias que deixou ao seu paso Herminia".

 

Aldeas sen luz

Por outra banda, o Concello de Brión púxose en contacto con Naturgy para trasladarlle a situación de varios núcleos de poboación (Boaventura, A Torre, Brans de Arriba...) que están sen subministro eléctrico dende a fin de semana. Unha situación que afecta tanto ás vivendas particulares como ao alumeado municipal.

 

“Dende a empresa infórmannos de que o problema débese a unha avaría nunha liña de media tensión, polo que dende o Concello lle solicitamos que actuaran o antes posible para tratar de que hoxe mesmo se puidera restablecer o subministro eléctrico”, explica o concelleiro de Obras.

Así foi o paso do temporal Herminia por Brión

Te puede interesar