O Concello de Brión puxo este domingo o broche final á tempada 2024-2025 dos seus populares Bailes dos Domingos cunha Festa Ibicenca celebrada no centro social polivalente da vila. Vestidos de branco e con moitas ganas de pasalo ben, uns sesenta maiores participaron nesta despedida festiva, acompañados pola música en directo da cantante local Ruth Cundíns.
A concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, agradeceu a implicación e asistencia dos maiores ao longo de todo o ano e avanzou que o mes de xullo dará comezo o seguinte capítulo da programación municipal dirixida á terceira idade: as Xornadas de Verán para maiores de 60 anos.
Este programa estival inclúe catro excursións organizadas a un prezo de 15 euros por persoa e viaxe, pensadas para persoas maiores de 60 anos empadroadas en Brión e os seus cónxuxes.
En resposta ás suxestións recollidas o ano pasado, este 2025 repetirán os dous destinos escollidos: Ribadavia e Mondoñedo, permitindo que todas as persoas poidan visitar ambos lugares.
As saídas a Ribadavia están previstas para o mércores 2 de xullo e o martes 22 de xullo, e inclúen unha visita guiada con degustación nunha adega da zona, almorzo buffet en Laias e visitas a O Carballiño.
As viaxes a Mondoñedo terán lugar o martes 15 de xullo e o mércores 30 de xullo, con visita á catedral e ao Museo da Imprenta, almorzo en Ribadeo e visita guiada á vila na xornada da tarde.