O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) ven de publicar, en colaboración coa Fundación Barrié e USC Editora, o "Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III)". Trátase do oitavo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), obra de investigación dialectolóxica amplamente recoñecida no eido dos estudos europeos “pola rigorosidade dos seus datos e a excelencia das súas visualizacións cartográficas”, explican. O novo tomo, froito do traballo dos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa, está constituído por 280 mapas que dan conta das variedades léxicas no dominio do galego para 259 conceptos vinculados á educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado.
Para cada un dos conceptos ofrécese un mapa coa representación da distribución das variantes léxicas e unha páxina de notas coa relación das variantes recollidas, os significados asociados á variable estudada e a información complementaria anotada polo persoal investigador (usos das variantes, vixencia das formas, ou matices de significado, entre outros). Por exemplo, para o concepto de ‘tristeza causada pola nostalxia do fogar ou da familia’ recolléronse tres variantes básicas (morriña, soidades e señardá) que mostran unha distribución bastante compacta; para o significado ‘composición en verso que se canta’ a variante máis frecuente é cántiga, que se rexistrou na maioría dos lugares estudados, mentres que cantiga é forma de uso común sobre todo no sur da provincia de Pontevedra. O volume recolle 3.695 variantes léxicas para os preto de trescentos conceptos estudados.
O proxecto do ALGa comeza na década dos anos setenta do século pasado co obxectivo de estudar a variación xeolingüística do galego falado nas zonas rurais e enmárcase na Biblioteca Filolóxica Galega que xorde a finais dos anos noventa, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente.