Adrián Noia (Santiago de Compostela, 2001) dedica a súa vida ás letras. Graduado en filoloxía, fórmase na actualidade como técnico de bibliotecas e está a estudar para ser profesor. Tamén foi xurado do Certame de Banda Deseñada do IES Arcebispo Xelmírez I e do Premio Breviter de microrrelatos. Entre tanto, é quen de sacar tempo para a escritura, un oficio do que desfruta e, asemade, semella que se lle dá ben.
A literatura acompáñao desde ben pequeno. Sempre deveceu de ler, primeiro clásicos xuvenís -conta orgulloso que ten un libro de Xerónimo Stilton firmado polo famoso rato nunha visita que fixo a Santiago- e despois obras de autores que foi coñecendo durante a súa etapa do instituto. A súa curiosidade facíao ir máis alá das lecturas obrigatorias e mergullarse nas ringleiras de novos escritores.
Pronto comezou a escribir. A primeira incursión foi en sexto de Primaria, cando lle encomendaron escribir un relato por vez primeira. Máis tarde, en segundo da ESO, retomaría a escritura de breves contos e presentaríase ao seu primeiro certame, en Valencia, porque o seu tío vivía alí. Foi o primeiro e único relato que escribiu en castelán, os demais que viñeron foron sempre en galego.
Moitos dos seus escritos mereceron loanzas e premios. Ao tempo, daría ao paso á novela, unha fórmula máis longa que lle permite desenvolver con máis soltura a súa imaxinación. A súa bagaxe lectora probablemente o axudase a depurar un estilo propio que hoxe o representa.
Aos seus 23 anos ten xa dúas novelas publicadas, ‘O país dos raposos’ (Toxosoutos, 2022) e ‘A terra leve’ (Medulia Editorial, 2024). Son dous libros totalmente diferentes entre si, con temáticas distintas e estilos contrapostos. O primeiro deles mereceu o II premio de novela curta do programa Xuventude Crea da Xunta de Galicia.
Non é que Adrián recibise formación en escritura, a súa habilidade vén esencialmente da práctica e de moito ler. Sempre lle interesou a literatura hispanoamericana contemporánea: “as temáticas españolas son as que máis me interesan, pero é certo que agora leo máis a autores galegos”.
Así e todo, conta que a inspiración para escribir ‘O país dos raposos’ lle veu despois de ler a novela ‘O conto da criada’ de Margaret Atwood (1985). Coma o clásico da autora canadense, ‘O país dos raposos’ é unha distopía, “probablemente a primeira e a última”, admite Adrián, “e coa que aprendín moitísimo sobre o xénero a base de escribilo, máis que cando o estudei no seu día”.
‘A terra leve’, en cambio, é unha historia intimista. Mestúranse temas de familia, de memoria e lembranzas, de leas… Nesta obra, Adrián preocúpase por tecer polo miúdo as relacións entre as persoas, por abordar os sentimentos na súa complexidade. “É difícil reproducir esas relacións, como falan as personaxes, as súas actitudes… mais diso trata ‘A terra leve’”, explica.
O xermolo nace dunha carta que atopou, pertencente á súa bisavoa e que condensaba toda unha vida. A través das palabras alí escritas puido descubrir unha historia que descoñecía e, botando man da súa imaxinación, elaborou unha nova ficción: “trátase de sacar á luz unha memoria oculta e esquecida, a deses familiares dos que descoñecemos a súa vida. Na novela tento dar voz a unha persoa que eu non coñecía”.
’A terra leve’ saca á luz unha memoria oculta e esquecida, como a dos familiares que descoñecemos. Na novela tento dar voz a unha persoa que eu non coñecía
Escribir non é tarefa fácil, un non sempre se sente con forzas ou con ideas o suficientemente sólidas para as plasmar nunha folla. Adrián trata de facelo cando as condicións son as axeitadas: “Nunca forzo, se o fago non sae nada. Adoito ter períodos de inspiración, e cando pasa céntrome unicamente en escribir”, explica.
É unha persoa moi perfeccionista: “Comecei ‘A terra leve’ no 2021 e ao ano seguinte rematei o primeiro borrador. Ata que se publicou no 2023 reviseina moitísimo e cambiaron bastantes cousas. Era case unha obsesión, pero quería que fose perfecta”, admite. “Ás veces agradezo publicar para poder esquecerme do que escribo”, explica, xa que a excesiva ruminación pode dar lugar a cambios innecesarios nunha obra: “ao final, un libro é unha fotografía do momento no que foi escrito”.
Adrián anota todas as ideas que se lle veñen á cabeza, habitualmente nas notas do teléfono móbil. É a súa ferramenta de escritura principal, útil por ser accesible en calquera momento e en calquera lugar. De feito, ten escrito o inicio completo dalgunha obra nas notas.
Cando está na casa, adoita traballar na cama, coas costas apoiadas na parede e o ordenador nos xeonllos. Con música e, sobre todo, de noite. É o ritual perfecto para que as ideas flúan.
A súa terceira novela, aínda sen publicar, escribiuna nun mes. Comezouna, por suposto, nas notas do móbil, “a finais de agosto, ao volver da praia cunha amiga, veume unha idea mentres escoitabamos unha canción das Fillas de Cassandra”, conta.
Este libro verá a luz proximamente da man da editorial Galaxia. Será de temática fantástica. Agarda que a acollida sexa tan boa como a das primeiras, “que foi mellor da que esperaba”, admite. Axudouno moito a continuar o feito de gañar o premio do Xuventude Crea: “ao final ter un feedback sempre motiva a seguir escribindo. Se non gañase ese premio, non sei onde estaría agora mesmo”.
Pero non quere darlle aos premios máis importancia da que merecen: “Gañar un premio literario non significa que sexas mellor escritor. Significa que a unhas persoas que teñen que decidir lles gustou máis a túa obra, polo motivo que sexa. Ao final, os premios sempre son inxustos para todos”.
Gañar un premio literario non significa que sexas mellor escritor. Significa que a unhas persoas que teñen o poder de decidir lles gustou máis a túa obra, polo motivo que sexa
Actualmente, á espera da publicación da nova novela, atópase nunha pausa de escritura. Foron meses intensos. Aínda así, non se desvincula do oficio e xa baralla ideas para novas novelas: “teño pendente unha secuela de ‘O país dos raposos’ desde a perspectiva da antagonista”, confesa. Asemade, neste 2025 tamén sairán uns poemas inéditos seus nun libro colectivo da Facultade de Filoloxía polo cincuenta aniversario. Con todo, pese a que desfruta da poesía -e tamén do teatro- ten claro que o seu futuro está no xénero longo: “a narrativa é o meu, para ler e para escribir”.