Afundación, a Obra Social de ABANCA, presentou este mércores a súa programación especial para celebrar o Día das Letras Galegas 2025, que este ano homenaxea a tradición da poesía oral popular a través das voces das cantareiras. A entidade organiza unha serie de actividades dirixidas a todas as idades, co obxectivo de divulgar e poñer en valor esta forma de expresión musical e cultural galega.
As protagonistas desta edición son Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica. Mulleres que, a través dos seus cantos, contribuíron a preservar e transmitir a memoria e a identidade cultural de Galicia.
Un dos actos centrais da programación terá lugar o 6 de xuño na Sede Afundación de Santiago de Compostela, co concerto didáctico O son das Cantareiras, a cargo da cantareira Jara Ortiz, recoñecida pola súa traxectoria na divulgación desta tradición entre o público escolar. Durante o recital, que contará con dúas sesións (ás 10:00 h para alumnado de Educación Primaria e ás 12:00 h para Educación Secundaria), falarase sobre o papel das cantareiras como gardiás da poesía oral galega, os contextos e funcións do canto tradicional feminino, a técnica da pandeireta e a orixe dos ritmos tradicionais.
Os asistentes deberán levar a súa propia pandeireta, xa que o concerto rematará cunha foliada na que participantes e cantareiras compartirán voz e música. A actividade é de balde, pero é preciso reservar praza en areaeducativacompostela@afundacion.org ou no teléfono 981 552 577.
A programación especial de Afundación inclúe tamén actividades dixitais para achegar a figura das cantareiras a distintos públicos. Entre elas destacan un conto interactivo dirixido a público infantil e de primeiros cursos de primaria, e unha roda de letras deseñada para escolares de Educación Primaria e Secundaria, así como para público adulto. Ámbalas actividades están dispoñibles a través da web de Afundación.
Ademais, desde a Área Educativa de Afundación lanzouse un plan de comunicación e divulgación sobre as Letras Galegas nas súas redes sociais, que inclúe un sorteo de entradas gratuítas para os concertos de Milladoiro, Treixadura e Arpas Atlánticas que se celebrarán nas próximas semanas.
Con esta programación, Afundación reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura galega e a divulgación das tradicións orais, contribuíndo a preservar un legado que forma parte da identidade de Galicia.