Reportaxe | Agarimo Espazo Familiar, unha contorna segura no corazón de Santiago

Agarimo Espazo Familiar é un programa de Cáritas Diocesana de Santiago que presta asistencia a menores e ás súas familias migrantes co obxectivo de facilitar a súa formación e inserción laboral, así como mellorar as súas habilidades sociais para posibilitar a súa íntegra inserción na sociedade mentres loita contra as inxustizas do sistema
Reportaxe | Agarimo Espazo Familiar, unha contorna segura no corazón de Santiago
En Agarimo Espazo Familiar traballan con menores e as súas familias

Un espazo seguro para moitos nenos, mozos e familias que por avatares da vida se atopan en situación de risco ou conflito social. Na rúa Carreira do Conde, a escasos metros da Alameda, emprázase o edificio que acolle a Agarimo Espazo Familiar, onde unha educadora e unha psicóloga, Mar e Ana, coa colaboración dun grupo de voluntarios traballan en prol do benestar daqueles que non gozan das boas condicións de vida que calquera ser humano debería ter.

 

Migrantes, vítimas de violencia de xénero ou de trata, persoas que viviron ou que foron criadas en contextos de violencia son algúns dos perfís que acoden a Agarimo Espazo Familiar na busca de asistencia. Na maioría dos casos, son mulleres, nais mozas que non se atopan de maneira regularizada no país e que dificilmente poden acceder a postos de traballo e a escolarizar aos seus fillos. 

 

Agarimo Espazo Familiar é un programa de Cáritas Diocesana de Santiago que busca mellorar a calidade de vida dos seus usuarios cunha atención integral ás súas necesidades. O proxecto ten a súa orixe no programa Vagalume que desde 1998 presta auxilio a mulleres en contexto de prostitución e afectadas por trata que non poden facerse cargo dos seus nenos. Vagalume contaba cunha área de familia para cubrir estas carencias e que, debido á alta demanda de amparo, rematou por desencadear a creación de Agarimo, que non só brinda apoio a estas mulleres senón a calquera familia en risco de exclusión social.

 

Desde Agarimo trátase de informar das posibles solucións aos problemas que atinxen a cada familia, ben a través de asesorías cos propios profesionais do programa ou derivando ás entidades competentes en cada caso. Agarimo Espazo Familiar presta servizos de acollida, socioeducativos, de inserción social e prelaboral para mozos, de atención familiar e de atención psicoterapéutica

 

Os menores, suxeitos principais

 

Os menores son as principais vítimas, por iso se sitúan coma o suxeito central do plan de actuación executado por Agarimo. Mar, Ana e varios voluntarios acompañan diariamente a varios grupos de rapaces e rapazas en talleres nos que se brinda reforzo educativo e atención psicolóxica. 

 

A atención psicolóxica é o piar básico para fortalecer as relacións familiares, o que é chave para ver resultados positivos a longo prazo na calidade de vida dos participantes. Ana, psicóloga do proxecto, traballa cos nenos e as súas familias, ben xuntos ou por separado, en tres áreas concretas: a socioeducativa, a emocional e a familiar. O seu obxectivo último é mellorar as relacións entre as familias, pois o apoio familiar ten impacto na autoestima dos menores e no tipo de relacións sociais que forxan. 

 

Agarimoespaciosseguros
Mural elaborado polos rapaces e rapazas de Agarimo | Agarimo Espazo Familiar

 

Con todo, hai outro soporte que impacta notablemente no desenvolvemento dos rapaces e rapazas: a escola. Neste caso, existe un conflito de base, que é a diferenza entre os contextos educativos dos países de orixe dos participantes no programa Agarimo (a maioría son migrantes de países coma Uruguay, Brasil, Marrocos ou Costa Rica) e o sistema educativo español. 

 

No momento no que se procede a escolarizar a un neno, este é incluído nun curso escolar concreto en función da súa idade. A realidade é que o nivel destes rapaces e rapazas non vai en consonancia con este criterio, polo que constitúe o primeiro aliciente de cara ao fracaso escolar. 

 

“Se necesitan profesores concienciados y sobre todo dispuestos a adaptarse al nivel curricular de los niños y niñas”

 

Neste sentido, Mar, educadora de Agarimo Espazo Familiar, reivindica o papel do corpo de profesorado: “se necesitan profesores concienciados y sobre todo dispuestos a adaptarse al nivel curricular de los niños y niñas”.

 

Aínda que o reforzo educativo non é o cometido último de Agarimo, si que se intenta evitar o fracaso escolar, dado que a formación é a única maneira de asegurar a inserción laboral. No programa impulsan a Formación Profesional e contan cun importante número de usuarios que xa traballan en eidos coma o do turismo e a hostalaría. 

 

Desde hai varios anos existe a figura do arraigo por formación que permite a moitos mozos adquirir un permiso de residencia por estudos a menores migrantes que leven dous anos en España e que busquen formarse para poder traballar. En Agarimo tamén operan para aproveitar este tipo de trámites.

 

Un sistema que ignora as súas necesidades

 

As condicións socioeconómicas destes menores son moi diferentes ás dos menores españois. En moitos casos viven en pequenos pisos amontoados con outras moitas persoas, os seus pais traballan precariamente máis horas do legal e non contan co apoio e o acompañamento necesarios para adicar esforzos ao ámbito académico. As súas necesidades prioritarias, evidentemente, son outras.

 

Non é concibible que haxa mestres tan desconectados da realidade destes nenos e nenas. De base, son persoas que difícilmente poderán acceder a estudos superiores debido á súa situación familiar e socioeconómica. Por iso, desde Agarimo Espazo Familiar reivindican unha maior atención ás súas necesidades e, sobre todo, o fin da estigmatización que sofren: “si se pone el foco en el lado positivo del niño, la situación mejoraría”, sustenta Ana. 

 

O motivo polo que un neno non estuda non é a preguiza; como tampouco o é a falta de interese. O motivo radica en que hai preocupacións máis importantes que as educativas para un menor que carece de vínculos familiares, de habilidades comunicativas, dun sustento económico aceptable, e dun ambiente social propicio. “Tenemos muchas vendas colocadas, hay que visibilizar estas situaciones”, asevera Mar.

 

Agarimo Espazo Familiar rema nesa dirección. Por iso nos talleres que realizan polas tardes se aseguran de crear contornas cálidas nas que os menores poidan desenvolverse como persoas. Ana, Mar e os voluntarios traballan con eles a través de obxectivos que van desde aprender a comer nunha mesa con máis persoas ata prepararse para resolver conflitos de maneiras non agresivas. Os resultados son lentos e vense a longo prazo, pero tanto Ana coma Mar aseveran que calquera avance é bo. É esencial que se sintan importantes para integrárense.

 

Agarimotalleres
Participantes nun taller de Agarimo | Agarimo Espazo Familiar

 

O sentir xeral é o de que estes menores se senten cómodos neste espazo. Proba diso é que non faltan a ningún taller. Cada tarde contan cun espazo no que poden relacionarse entre eles, no que se senten protexidos e no que ademais son respectados, o que aumenta a súa seguridade. Por suposto hai conflictos, e danse casos nos que algún neno non trata ben aos compañeiros ou aos profesionais que o acompañan, pero son esas as situacións que se traballan no proxecto coa fin de, con paciencia e con agarimo, lanzar un chisco de luz sobre as sombras.

Reportaxe | Agarimo Espazo Familiar, unha contorna segura no corazón de Santiago

Te puede interesar