Agulla Tradicional, a última modista clásica de Compostela

María José Balsa Vilariño é modista desde hai máis de trinta anos, pero non foi ata hai escasos meses que se decidiu a abrir o seu propio negocio no baixo da súa casa en Compostela, centrado na fabricación e bordado da clásica vestimenta rexional
Agulla Tradicional, a última modista clásica de Compostela
María José Balsa Vilariño, a muller detrás de 'Agulla Tradicional'

Toda unha vida dedicada á costura. María José Balsa Vilariño non podería imaxinar outra maneira de aproveitar a súa vida laboral. Comezou ben pronto a traballar en talleres de grandes industrias da moda, logo de formarse no Centro de Corte e Confección Susa Suárez situado en Santiago. Desde aquela elaborou centos e centos de prendas que foron vendidas en diferentes establecementos do país; ata agora, que decidiu dar o salto a traballar por conta propia. 

 

Agulla Tradicional é o emocionante proxecto ao que María José dedica todo o seu afán desde finais de outubro. É o seu particular centro de costura no que ofrece servizos de confección a medida, arranxos e bordado de prendas, e ante todo, constitúe un achegamento profesional a aquelo que tanto a apaixona: a elaboración do traxe tradicional galego, sector no que leva case vinte anos formándose.

 

María José traballa na casa, onde preparou un taller no que inviste horas e horas do seu tempo en prol da presentación dunhas prendas de alta calidade, coidadas ata o máis mínimo detalle. No pouco tempo que leva en activo xa ten un abano de clientes que fai que teña varios meses de traballo asegurado por diante. 

 

A pesar do volume de encargos, lévao con calma e serenidade. O estrés pouco axuda nun traballo tan especializado como é este: “o feito de traballar pola miña conta permíteme marcar os meus propios prazos, realistas, que me dan marxe para elaborar unha peza de calidade”, explica.

 

Admite que é unha “adicta ao traballo”, unha vantaxe porque pode investir moitas horas na confección sen se aburrir. O que si, non lle gusta ter moitas cousas á vez. Agora mesmo ten varios clientes particulares e agrupacións para os que debe elaborar traxes tradicionais de baile, e iso xa consome ben de tempo: “Eu coso e bordo. Elaborar un traxe á medida é rápido, pero o bordado leva bastante máis tempo, entre unha semana e quince días. Un completo xa é moito máis, pero é raro que se encargue”.

 

Os traxes tradicionais completos levan multitude de detalles e pezas que fan que incremente tanto a dificultade de elaboración como o seu prezo. Hai vestimentas que poden superar, con facilidade, os cincocentos euros dependendo dos accesorios que se lle queiran adicionar.

 

Elaborar un traxe á medida é rápido, pero bordalo leva bastante máis tempo, entre unha semana e quince días. Un completo xa é moito máis, pero é raro que se encargue

 

O traxe tradicional, a súa predilección

 

María José leva moito tempo formándose no campo do traxe tradicional. É un mundo amplo e con diferentes vertentes: hai traxes de gala, de cotío e de época. O de gala é o máis clásico, o que se levaba en vodas e romarías e o que empregan hoxe os grupos tradicionais

 

O de cotío é o que se vestía para “ir á leira, máis rústico, con materiais que incluso pican”, e o de época é o que abre máis marxe á imaxinación, “o que permite facer cousas algo diferentes, e o máis barato porque nace cando xa había industria”. 

 

Este último é o que máis se vende. O de cotío, en cambio, é o máis complexo de elaborar pola dificultade de atopar os materiais: “empréganse tecidos como a estameña, a batista, o liño ou o picote, que para facerse con eles hai que acudir a anticuarios ou incluso a familias de aldea que poidan ter algunha tea gardada”.

 

Para o traxe de cotío empréganse tecidos como a estameña ou o picote, que para conseguilos hai que acudir a familias de aldea que poidan telos gardados

 

Outra particularidade do traxe tradicional é que en función da zona, varía. O traxe tradicional de Santiago, por exemplo, caracterízase polos seus bordados que combinan dourados e prateados

 

Agulla traxe
Algunhas pezas elaboradas por María José Balsa

 

No seu caso, María José confecciona á medida e fai bordados cando se lle require, pero colabora con outras persoas cando se trata de adornar con, por exemplo, pezas de acibeche, moi típicas no traxe de gala.

 

Ela mesma admite que, cando ten algunha dúbida no proceso de confección, pide axuda: “eu son modista, non quero dicir que sexa unha especialista no traxe tradicional aínda que é o que máis me gusta. Se preciso consello, non dubido en preguntar a quen sabe. O meu obxectivo é que o cliente quede contento”.

 

Cubrir unha necesidade

 

Non quedan moitas modistas, tampouco bordadoras, e iso foi o que fixo a María José lanzarse ao emprendemento: “modistas para arranxos aínda quedan, pero o meu campo é moito máis amplo. Aínda que prefiro traballar co traxe tradicional, estou aberta a todo o que me pidan. Iso si, metinme no tradicional porque penso que hai oco”. 

 

No tempo que leva en activo Agulla Tradicional xa mesmo elaborou vestidos para a graduación de varias mozas, o que demostra que non pretende pechar ningunha porta. Ademais, ofrece moita versatilidade aos seus clientes: “cando me encargan traxes para unha agrupación con moitos membros, teño ido eu xunto a eles para tomarlles as medidas e que así non se teñan que desprazar”, indica María José.

 

Se non, o seu taller está na súa casa, en Compostela, onde recibe a todo o mundo cos brazos abertos. Dividido en dúas estancias, nunha toma medidas e proba os vestiarios unha vez rematados, e noutra ten todos os aparellos que precisa para desenvolver o seu traballo: unha máquina de coser industrial plana, unha remalladora, unha bordadora, unha troqueladora… “Para dar un bo servizo, rápido e eficiente, é imprescindible ter maquinaria”, asevera María José.

 

Porque a confección, dependendo do que prefira o cliente, pode ser industrial ou totalmente artesá, á man. Evidentemente, elaborar unha peza completa á man aumenta o seu valor, polo que adoitan ser requirimentos de particulares e non tanto de agrupacións tradicionais, xa que estas danlles moito uso aos traxes e gástanse con facilidade.

 

Agulla varios
María José sorteou esta camisa entre os seus seguidores nas redes sociais

 

Coa intención de chegar a cada vez máis xente, ‘Agulla Tradicional’ está presente nas redes sociais, en Instagram e Facebook. Os fillos de María José axúdana a publicitarse nun medio que hoxe é indispensable para darse a coñecer: “fixemos un sorteo hai pouco e participou moitísima xente”, expresa agradecida. De momento vaille moi ben, máis alá de Santiago xa recibiu encargos doutras partes de Galicia. E non é para menos, porque detrás de ‘Agulla Tradicional’ hai unha persoa namorada do seu traballo e especialmente entregada en ofrecer un produto elaborado co maior esmero.

Agulla Tradicional, a última modista clásica de Compostela

Te puede interesar