Os alumnos do Liceo La Paz comparten a emoción do Camiño como unha gran familia

Os alumnos do Liceo La Paz comparten a emoción do Camiño como unha gran familia
Estudantes e persoal do colexio, nas escaleiras da praza da Quintana despois de completar a súa peregrinación | Cedida

A praza da Quintana foi este sábado o escenario da fin da peregrinación a Compostela de máis de 500 alumnos do CPR Liceo La Paz da Coruña. Estudantes de 1º de primaria, xunto cos seus titores, foron os encargados de realizar a última das etapas do Camiño de Santiago.

 

A equipo directivo do Liceo sumouse aos camiñantes na rúa de San Francisco, para finalmente entraren todos xuntos na Praza do Obradoiro arredor das 11:30 da mañá. As celebracións trasladáronse posteriormente á praza da Quintana.

 

Na fin do traxecto agardábanos o resto de compañeiros do colexio, así como profesorado e persoal non docente. Centos de asistentes enchían as emblemáticas escaleiras da praza nunha xornada solleira na que estivo presente o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo. 

 

Ás 12 do mediodía tivo lugar un acto de benvida no que interviñeron o director técnico do CPR Liceo La Paz, Martín López Álvarez, e os representantes do Goberno autonómico. Abriu a cerimonia Diego Calvo, quen agradeceu a toda a comunidade educativa “por hacer algo tan importante y que en Galicia nos sirve para presentarnos ante el mundo”.

 

A continuación tomou a palabra López Álvarez, emocionado pola fin dun camiño ao que se referiu coma “unha experiencia educativa profunda e transformadora”. O director do Liceo La Paz manifestou asemade que agora o alumnado pasa “a formar parte dunha tradición milenaria que une persoas de todo o mundo baixo a mesma ilusión, avanzar cara a algo máis grande, máis humano e máis compartido”.

 

Liceo compostela rueda 20402151
Alfonso Rueda e Diego Calvo recibiron aos peregrinos | Cedida

 

Finalmente, o presidente da Xunta de Galicia iniciou a súa intervención loando o esforzo e espírito de superación dos rapaces do Liceo, aos que animou a repetir o Camiño todos os anos, xa que “é o que nos coloca no mundo”. Alfonso Rueda agradeceu a convite do centro educativo e asegurou que “esta é a educación do futuro, sodes a Galicia do futuro, esa Galicia Calidade que queremos facer entre todos”.

 

O acto finalizou coa interpretación por parte do alumando do Liceo La Paz de ‘Lodo’, a canción de Xoel López escolleita por Turismo de Galicia para promocionar o Camiño de Santiago.

 

As etapas da peregrinación

 

A chegada a Compostela supuxo a fin dunha peregrinación que o alumnado de primaria, secundaria e bacharelato do Liceo La Paz iniciou hai seis meses. Semanalmente, e desde o 15 de novembro, os rapaces foron realizando diferentes etapas do Camiño Inglés. 

 

Os treitos foron adaptados polo centro educativo para axustarse ás necesidades dos estudantes e profesores. Cada un deles foi efectuado por distintos cursos e grupos, polo que ao termo da peregrinación todo o alumnado do Liceo participou cando menos nunha das rutas. 

 

A andaina comezou no propio colexio e pasaron por localidades coma Cambre, Carral, Abegondo, Ordes, Oroso e Sigüeiro ata chegar ao destino final. Santiago, concretamente, foi escenario de tres etapas. 

 

Esta actividade foi organizada polo departamento de Educación Física do centro educativo e tivo como obxectivo fomentar o esforzo, o deporte, a colaboración e a loanza da tradición propia. O alumnado puido descubrir e comprender o significado do Camiño e vivir de primeira man a experiencia dunha peregrinación.

 

A maiores, o pasado 14 de abril os nenos de infantil fixeron unha simulación da primeira etapa do Camiño na propia escola, nunha sorte de achegamento á experiencia dos seus compañeiros de cursos superiores. Os máis pequenos tiveron a oportunidade de coñecer a historia detrás da romaría, de elaborar un colar coa cuncha do peregrino e mesmo de recibir as famosas cuñas. 

Os alumnos do Liceo La Paz comparten a emoción do Camiño como unha gran familia

Te puede interesar