Ames Radio volve poñer os seus micrófonos ao servizo da cidadanía coa apertura da convocatoria da Radio Cidadá 2025-2026, unha iniciativa que permite a veciños e entidades participar activamente na programación da emisora municipal. As propostas poden presentarse desde hoxe e ata o 21 de setembro, mediante o envío do formulario ao correo electrónico radio@concellodeames.gal.
Poderán participar persoas maiores de 18 anos, así como maiores de 16 baixo a responsabilidade dun proxenitor ou titor, ademais de asociacións e entidades. Non é necesario estar empadroado en Ames, sempre que os proxectos teñan interese para o municipio ou estean protagonizados por persoas vinculadas á localidade.
Cada solicitude deberá incluír o título do programa, obxectivos, descrición, público ao que se dirixe, temas a tratar, periodicidade, duración e día e hora de emisión propostos. A grella definitiva será aprobada pola Comisión asesora de Comunicación do Concello.
Ames Radio garante espazo físico, equipamento e persoal técnico para a gravación dos programas seleccionados, que se emitirán segundo a grella que configure a emisora, respectando na medida do posible as preferencias dos promotores.
A Radio Cidadá iniciouse en 2017 con dez programas cidadáns, dos que seguen en antena catro espazos de longa traxectoria: Tangos de la esquina sur, Vivirmos nun mundo finito, De Museo e Miradas.
Na tempada pasada chegaron a emitirse 15 programas, con contidos que foron desde a música ata a saúde, pasando polo protocolo, o benestar emocional ou a historia. Entre eles, destacan propostas xa consolidadas como Apuesta por el Rock and Roll ou O protocolo é para todos, e novidades como Conta con Nós ou Ames en Dixital.
As persoas interesadas poden ampliar información e resolver dúbidas a través do correo radio@concellodeames.gal ou nos teléfonos 981 890 452 e 662 377 413.