Artesanía con selo de identidade en pleno casco histórico de Compostela

Trisquel é un espazo único en Compostela onde a tradición atopa un lugar privilexiado. Rexentado por Xanana Salgado e Ramón M. Nóvoa, é un exemplo de pequeno comercio que aposta pola sensibilidade cultural da cidade e unha escapatoria fronte ao turismo de masas
Artesanía con selo de identidade en pleno casco histórico de Compostela
Xanana Salgado e Ramón M. Nóvoa, á fronte de Trisquel Artesanía

Na rúa da Acibechería, fronte ao mosteiro de San Martín Pinario, atópase unha verdadeira xoia para os amantes da tradición e da artesanía de Galicia. Entre tendas de souvenirs e produtos destinados, fundamentalmente, aos peregrinos, subsiste un negocio que sobreviviu ao paso dos anos cun concepto propio que aposta polo produto local

 

Trisquel Exterior
Trisquel Artesanía

 

Trisquel Artesanía naceu hai 27 anos da man de Xanana Salgado Gómez e Ramón M. Nóvoa. Ela, natural de Palmeira, sempre estivo vinculada á artesanía e á música tradicional galega grazas á súa familia. O seu pai foi o promotor das Xornadas de Folclore Galego que se celebran anualmente en Compostela, e ela mesma foi membro fundador do obradoiro de cultura tradicional Ultreia.

 

Cando era adolescente, Xanana xa soñaba con que, se abría un negocio propio, este levaría o nome de Trisquel polo seu amor pola cultura celta. A vida levouna a Santiago e aquí rexenta este espazo que mestura música, xoiaría e roupa con marca propia, sustentable e de calidade.

 

Aposta polos artistas locais

 

En Trisquel Artesanía apoian aos músicos vernáculos acollendo presentacións e patrocinios de discos. Dentro dos seus límites fan un esforzo por colaborar coa cultura de xeito altruísta e, ante todo, tratan de potenciar a música tradicional entre a veciñanza e os visitantes da cidade, conscientes da súa relevancia na identidade galega.

 

Así, ao longo dos anos teñen pasado por Trisquel músicos coma Abe Rábade ou Guadi Galego. Cando hai presentacións a tenda transfórmase para representar a esencia dos temas, de xeito que as vitrinas do seu interior desaparecen e os asistentes poden mergullarse de cheo nas sensacións transmitidas polas melodías. 

 

O propio negocio conta coa súa propia banda sonora, unha composición de Pedro Pascual que recolle a identidade de Trisquel. Xanana e Ramón querían unha peza que levase aos oíntes directamente á tenda, polo que contactaron cun músico local e que ademais coñecía ben a tenda. A música pode escoitarse na súa páxina web.

 

Trisquel Escaparates
Algúns dos produtos de Trisquel

 

Máis alá da música, en Trisquel os clientes poden atopar xoias e produtos de artesáns de Compostela, de Galicia e de Portugal, para os que tratan de asegurar un certificado de trazabilidade. Defenden encarecidamente que os produtos sexan de calidade e de proximidade e, a ese respecto, colaboran con asociacións coma Ourives de Compostela. As xoias de Trisquel son de acibeche e están feitas en Santiago cando se indica como tal, con total seguridade.

 

A maiores, a aposta de Trisquel polo téxtil maniféstase a través de marcas do país, con pezas elaboradas en talleres locais e de confección artesanal. Contan con dúas marcas propias: unha delas é Ripariam, que traducido do latín significa Ribeira. Os seus deseños son do propio Ramón e caracterízanse polo estilismo urbano á par que elegante

 

Trisquel Roupa
 

 

Defensores do comercio local e dun turismo cultural

 

Os clientes valoran e celebran a presenza dun establecemento coma Trisquel, que sen dúbida algunha goza de personalidade propia e constitúe un espazo único na cidade. Xanana e Ramón reciben non só a veciños, senón a estranxeiros que valoran a arte que enche os expositores: “temos unha clientela moi fiel. Falamos de persoas de fóra que cando regresan a Santiago volven á tenda. Visitantes de Los Ángeles, México, Australia… Cos que establecemos un vínculo que vai máis alá do que é mercar”, explica Xanana.

 

Parte da responsabilidade deste feito está no trato que reciben os clientes. A atención é altamente especializada e próxima, elementos que caracterizan os establecementos de comercio local. Dedican tempo a cada comprador, explicándolles as particularidades do produto no que están interesados. No caso dos discos, póñenos para que os escoiten e coas xoias páranse a explicar o proceso de elaborado. 

 

Asemade, fan fincapé na importancia do respecto: “o respecto é o noso sinal de identidade, buscamos respectar á xente que compra e non toleramos ningún tipo de discriminación”, indican. Isto vai en liña coa presenza de Trisquel en diferentes iniciativas de carácter social. Recentemente colaboraron coa asociación de Dano Cerebral de Santiago Sarela para dar visibilidade á doenza, e tamén forman parte da campaña ‘12 comercios, 12 sensibilidades’ para subliñar a relevancia do comercio local. 

 

O respecto é o noso sinal de identidade. Ante todas as cousas, buscamos respectar á xente que compra e non toleramos ningún tipo de discriminación

 

 

Malia a boa recepción que para algúns clientes ten Trisquel, Xanana e Ramón lamentan que Compostela está a perder o estatus de destino cultural no beneficio dun turismo de masas. Relatan que os visitantes que chegan na época estival, principalmente aqueles que asisten a festivais e os peregrinos, son a representación dun turismo “low-cost” que apenas deixa retorno na cidade.

 

Desde as institucións deberían potenciar un público cultural. Antes había exposicións, concertos… que se foron perdendo. Precisamos unha Compostela dinámica que aproveite as diferentes salas da capital”, insta Ramón. Nesa liña apunta que os eventos deberían descentralizarse e non só concentrarse no verán.

 

Ambos están convencidos de que é este tipo de público, o interesado pola cultura, o que realmente inviste na cidade porque consome nos comercios. “Agora vemos as rúas cheas de xente, pero non entran nos establecementos”, lamentan.

 

O comercio local sofre desde hai anos unha crise da que apenas se está a recuperar. As poucas apostas reais e orixinais que foxen da oferta de souvenirs e produtos de agasallo subsisten con dificultade grazas ao apoio mutuo e, sobre todo, ao compromiso por ofrecer un bo servizo e de calidade. En conxunto reclaman unha maior sensibilidade pola cultura que a cidade alberga e a valentía de mudar o concepto de turismo hoxe imperante. 

 

Depende de todos que os comercios, que sofren desde hai anos unha grande crise, non pechen. Entre todos temos que facer cidade, por iso é relevante lanzar estas reflexións á xente

 

“Depende de todos que os comercios pequenos non pechen. Entre todos temos que facer cidade, por iso é relevante lanzar estas reflexións á xente”, incide Xanana. Ante a esta alerta que afecta a Compostela e á súa veciñanza en particular, recalcan a importancia de reeducar para facer ver o atractivo dun turismo de verdadeira calidade.

Artesanía con selo de identidade en pleno casco histórico de Compostela

Te puede interesar