A oitava convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións acaba de outorgar financiamento a tres proxectos que abordan a Ruta Xacobea. Así, o profesor da Facultade de Filosofía da USC, Diego Allen-Perkins Avendaño, profundará en como os peregrinos contemporáneos constrúen e perciben a autenticidade da súa experiencia nunha contorna cada vez máis mediada por tecnoloxías dixitais.
Pola súa parte, a profesora da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Lucrezia Lopez, tratará as novas dinámicas xeradas polo Camiño, identificará as transformacións sociais, económicas e territoriais e avaliará o papel do Camiño no desenvolvemento rural sostible. Ademais, o profesor da Universidade de Vigo, Luis Velasco Martínez, tamén desenvolverá, ao abeiro desta convocatoria, unha investigación sobre as peregrinacións militares a Santiago de Compostela durante o século XX, cun enfoque especial no período franquista e na súa continuidade durante a transición democrática.
Baixo o título "Entre sendas e algoritmos: autenticidade dixital e peregrinación no Camiño 2.0", Diego Allen-Perkins Avendaño centrarase no fenómeno da “autenticidade dixital” no contexto do Camiño de Santiago. O estudo analiza as interaccións entre as vivencias físicas do Camiño e as narrativas e prácticas dixitais (redes sociais, blogs, aplicacións de viaxe ou plataformas colaborativas) que os peregrinos utilizan para planificar, documentar, compartir e lembrar a súa viaxe.
No proxecto titulado "O Camiño de Santiago e o Renacemento do Mundo Rural. Estudo e análise das novas dinámicas e transformacións socio-territoriais", Lucrezia Lopez, tamén directora do Centro de Estudios e Investigacións Turísticas (CETUR), constatou que nos estudos xacobeos con enfoque territorial existe unha carencia na análise das novas dinámicas e transformacións socio-territoriais que xera o Camiño, no estudo dos novos perfís de peregrinos e na adaptación dos territorios rurais a esta nova realidade.
“Estas transformacións reflíctense en cambios demográficos, económicos e simbólicos nos espazos rurais, indicando unha posible multifuncionalidade do medio rural vinculado ao Camiño”, explica. A hipótese de partida para a investigación financiada pola Cátedra do Camiño é que a Ruta Xacobea está a actuar como axente dinamizador e responsable dun “certo Renacemento de determinadas áreas rurais galegas”.
Luis Velasco Martínez desenvolverá o estudo "Marchando a Santiago: as peregrinacións militares a Compostela no século XX. Relixión, identidade nacional e proxección exterior nos exércitos españois". Este proxecto profundará neste tipo de peregrinacións durante a etapa de transición á democracia e mais no Franquismo, alén de atopar antecedentes na etapa republicana, primorriverista e da monarquía de Alfonso XIII.
A investigación prestará atención aos antecedentes do fenómeno, ao papel do Apostolado Militar Castrense e á dimensión internacional dalgunhas destas peregrinacións, buscando localizar as orixes da popularización fóra de España da idea da peregrinación a Compostela como “unha forma de construír unha identidade europea compartida”.