O Campus de Santiago foi estes días a sede da primeira reunión dos Champions da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell). O encontro, desenvolvido en modalidade híbrida, reuniu seis dos oito investigadores sénior seleccionados para actuar durante seis meses como embaixadores do consorcio.
A xuntanza estableceuse para favorecer a interacción entre os Champions, compartir os seus plans de acción no ámbito da investigación, intercambiar perspectivas e explorar oportunidades de colaboración para avanzar no seu labor central como embaixadores, como é a promoción da misión de EUniWell arredor do benestar e axudar a definir futuras direccións estratéxicas do consorcio.
A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, recibiu este luns as persoas participantes na Casa de Europa e salientou a importancia do seu papel como embaixadores da Alianza para fomentar a cooperación entre as comunidades académicas dentro e fóra de EUniWell.
Nesta reunión inicial participaron Azucena Mora, da Universidade de Santiago de Compostela; Andreas Guidi, de Inalco (Francia); Anna Maria Papini, da Università di Firenze (Italia); Beáta Dávid, da Semmelweis Egyetem (Hungría); María del Mar Grandío Pérez, da Universidad de Murcia (España); e Theodoros Marinis, da Universität Konstanz (Alemaña).
A catedrática de Microbioloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Azucena Mora, representa á USC como unha das primeiras oito Champions de EUniWell. Mora desenvolverá o seu plan de acción na primeira metade do 2026, centrado “na difusión do concepto One Health, que entende a saúde humana, animal e ambiental como partes dun sistema único e interdependente”.
A catedrática de Microbioloxía sinala que o seu propósito como embaixadora da Alianza é “transformar o coñecemento científico en acción concreta, poñendo o foco na relación entre saúde, seguridade alimentaria e sustentabilidade ambiental, tres eixos esenciais para o benestar global”.