Victoria Casal e Lucía Casal son primas e, ademais diso, son grandes amigas. Desde ben pequenas son inseparables, enténdense á perfección e comparten afeccións. Hai xa un tempo que atoparon unha nova actividade coa que compartir o seu tempo xuntas, unha ocupación que destaca pola súa peculiaridade e, ao mesmo tempo, utilidade: a elaboración de pezas de xoiaría con resina.
Victoria é unha namorada das plantas en todas as súas vertentes. A fixación é tal que dedica parte do seu tempo a estudar a mellor maneira de coidalas, de mantelas bonitas, e de sacarlles partido. Foi un día, mentres consultaba un vídeo sobre plantas, cando descubriu que era posible secar as flores de xeito que se conservase a súa cor, é dicir, sen que podrecesen.
A cuestión é que tamén é unha namorada da artesanía e da xoiaría, en particular dos pendentes. Ten unha colección que non deixaría indiferente a ninguén. Encántalle levalos postos, pero tamén facelos, ben sexa para ela ou para os seus amigos. Por iso, a vida non fixo outra cousa máis que achegala ao inevitable, á conexión de todos eses elementos que configuran a súa personalidade.
As pezas de Resinartemisia, que así se chama o proxecto que iniciou Victoria, destacan especialmente por representar motivos florais, da natureza, nunha base de resina, que é asemade unha substancia que provén das árbores. O resultado non deixa indiferente a ninguén.
Estaba na Coruña estudando cando comezou a elaborar pendentes con resina. Facíaos para os seus compañeiros, sen máis intención que a de ter un detalle bonito con eles. Cando a súa prima Lucía descubriu este pasatempo, quedou namorada del igual que lle pasara a Victoria. Desde aquela elaboran as pezas xuntas.
O obxectivo segue a ser o mesmo. Non teñen a pretensión de convertérense en grandes empresarias, o seu produto non ten como fin último o mercado. Fabrican por gusto, e por iso cada unha das súas pezas é especial.
E ademais de especiais, son prendas con significado. Cada peza baséase na identidade da persoa que a vai levar posta: “Se nos regalan un ramo, conservamos algún pétalo e devolvemos o detalle en forma de xoia”, explica Lucía. Normalmente preparan as pezas para agasallalas en aniversarios, ou cando se atopan con algún elemento que lles recorda a alguén coñecido.
Se o seu público son persoas da súa contorna é porque coñecen os seus gustos e adiviñan que peza lles podería sentar ben. Con todo, foi inevitable que o seu traballo pasase inadvertido a medida que máis e máis xente ía presumindo dos pendentes de Resinartemisia como complemento á súa vestimenta. É por iso que xa teñen un nicho de persoas que lles encargan pezas para amigos, familiares, e para elas mesmas a pesares de non formar parte do círculo máis próximo de Lucía e Victoria.
“Na facultade de filoloxía están completamente tolos co tema Resinartemisia, xa temos un grupiño de seis persoas que nos piden pendentes de cando en vez. Nós non lles cobramos, como moito o material se queren”, comenta Lucía, referíndose ao éxito do boca a boca no marco universitario, de onde ela forma parte como estudante de Dereito e membro do grupo de teatro da USC.
Victoria e Lucía estableceron como o seu taller o comedor da casa dos seus avós en San Lázaro. Sobre un dos mobles que o decoran, desde hai anos descansa un marco cunha fotografía das primas cando eran pequenas. É o único que permanece intacto logo da reforma integral que Victoria lle deu á vivenda para adaptala ao seu modo de vida. Para elas, esa fotografía representa “ás nais fundadoras de Resinartemisia”.
Ao contrario do que poida parecer, non é complexo traballar coa resina: “isto é como decorar, a chave está en ter unha idea e estar disposto a materializala. Penso que é un pasatempo accesible para todo o mundo, nós aprendemos con titoriais”, confesa Lucía.
É como decorar, a chave está en ter unha idea e estar disposto a materializala. É un pasatempo accesible para todo o mundo, nós aprendemos con titoriais
Necesítase un molde, que pode facerse de cero ou comprar, resina, e os complementos que un queira empregar. Tamén se poden engadir colorantes para acadar resultados máis específicos. Despois trátase de botar a resina no molde e adornar ao gusto, “deixar secar 48 horas, con coidado de que non saian burbullas, quitar o molde con coidado e xa está”.
Por suposto, é importante ter coidado á hora de manipular a resina. Non se pode tocar directamente, e tamén recomendan empregar máscaras. Así e todo, en pouco tempo poden chegar a elaborar varias pezas dunha calidade nada desprezable: “o que máis nos leva é pensar a idea. Máis alá diso, en 40 minutos podemos sacar unha tanda xeitosa de pendentes”.
Evidentemente, todo depende do grao de profesionalidade que un lle queira poñer. Para elas é un momento de desconexión para o que só fan falla “ganas de exercer a creatividade, de darlle cousas aos demais e ter xoias personalizadas para ti, que fóra están moi caras. Ah, e personalidade para despois atreverte a poñer a desfeita que fixeches!”.
Só fan falla ganas de regalarlle xoias aos demais e telas personalizadas para ti, que están moi caras. Ah, e personalidade para despois atreverte a poñer a desfeita que fixeches!
Máis alá dos pendentes, téñense atrevido con outro tipo de pezas como cinceiros e figuras. De feito, a súa creación preferida en común é unha escultura transparente decorada con flores. As flores sono todo para elas.
Malia seren obradoras amateur, proximamente van afrontar o que probablemente sexa o seu primeiro proxecto a maior escala. Trátase dunha colaboración coa produtora Terra Audiovisual, que na actualidade está a gravar unha serie de documentais en diferentes zonas do rural, entre eles a veciña parroquia de Chaián, en Trazo.
Victoria e Lucía van doar pezas á produtora para que poidan financiar o proxecto. Serán pequenas creacións que lles ofrecerán aos veciños dos pobos filmados que queiran colaborar cunha pequena dotación económica. Na actualidade as primas xa están impregnándose da esencia das plantas destes lugares para ofrecer un produto de calidade.
A xenerosidade de Lucía e Victoria non coñece límites, iso está claro. Con todo, aínda que non sexa a súa meta, non descartan pór proximamente as súas xoias á venda. Quen sabe, quizais os veciños de Compostela poidan adquirir pronto os pendentes de Resinartemisia na tenda do seu barrio.