As "Sentinelas" volven á carga: Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande presentan a súa nova aventura en Compostela

As "Sentinelas" volven á carga: Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande presentan a súa nova aventura en Compostela
Os autores, na presentacion da sua obra previa

A libraría Follas Novas converterase este xoves, ás 19:00 h, no epicentro da fantasía galega coa presentación de Sentinelas no limiar das tebras, a nova obra de Andrés Castro, Ozo Perozo e o ilustrador Alexandre Senande. O xornalista Manuel Xestoso acompañará aos autores neste acto literario aberto ao público.

 

O cartaz da presentacion
O cartaz da presentacion

 

Tras o éxito de Sentinelas da lúa carmesí, o trío creativo regresa con unha aventura trepidante que promete engaiolar a lectoras e lectores de todas as idades. Esta segunda entrega mergúllanos de novo no mundo máxico de Claramonte, onde os perigos son tan escuros como a propia noite.

 

 

Nesta nova historia, Lara, Sabela e Xurxo descobren que o seu amigo Lois foi secuestrado polo misterioso boticario Cinza. Mais o que semella unha traizón persoal agocha un plan máis escuro: a moura Xerpa, despois de séculos de letargo, precisa un "menú" moi especial para recuperar o seu poder… e Lois é só o comezo.

 

"Non só Lois corre perigo. Todas as nenas e nenos de Claramonte poderían ser as próximas vítimas", advirten os autores.

 

A esperanza repousa nun lugar máxico: o carballo de Mondelo, onde Lara e os seus amigos deberán buscar a axuda dos enigmáticos habitantes dunha vila oculta. Alí, maxia, coraxe e amizade entrelázanse para facer fronte ás tebras.

 

 

Sentinelas no limiar das tebras consolida un universo literario propio, no que a imaxinación, o mistério e a amizade verdadeira se conxugan nun relato que atrapa desde a primeira páxina. Unha lectura ideal tanto para xente nova como para adultos que queiran soñar esperta.

 

A presentación promete ser unha cita imperdible para amantes da literatura fantástica galega e para quen queira coñecer de preto a estes creadores que están a renovar o panorama editorial con propostas frescas, audaces e moi nosas.

As "Sentinelas" volven á carga: Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande presentan a súa nova aventura en Compostela

Te puede interesar