O Concello de Santiago, a través da concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, sumouse á campaña "Rosalía Conxense", unha iniciativa que reivindica a figura de Rosalía de Castro e a súa vinculación con Conxo. A proposta, impulsada pola asociación veciñal Raigame e as asociacións de comerciantes Santiago Punto Compostela e Em-Rede, aposta por unha celebración que implique tanto á cidadanía como ao comercio local.
A concelleira María Rozas participou onte na presentación oficial da campaña, onde destacou a importancia de poñer en valor a escritora galega desde unha perspectiva feminista, transgresora e comprometida socialmente. "A veciñanza e o tecido comercial están a demostrar que Rosalía de Castro é unha figura da que todas nos sentimos orgullosas", afirmou Rozas. Desde o Concello, a colaboración céntrase na distribución de carteis e marcapáxinas conmemorativos que subliñan o legado de Rosalía.
A campaña tamén pon o foco no centenario da anexión do antigo Concello de Conxo a Santiago, que se conmemora este 2025, recordando que Rosalía naceu no que hoxe é a Praza de Vigo.
Xosé Manuel Durán, presidente da asociación Raigame, e Vanesa Alvite, representante da asociación de comerciantes Santiago Punto Compostela, animaron á veciñanza a participar no acto central da campaña, que terá lugar hoxe, venres 21 de febreiro, ás 10:00 na Praza de Vigo. O evento contará coa presenza do alumnado dos colexios San Xosé de Cluny e Quiroga Palacios, nunha homenaxe que fusionará historia, cultura e identidade local.