O Ateneo analiza os desafíos da defensa europea nun novo encontro do Seminario Europa

O Ateneo analiza os desafíos da defensa europea nun novo encontro do Seminario Europa
José Julio Fernández Rodríguez, director do CESEG, será o protagonista dunha conversa sobre seguridade, dereitos e autonomía estratéxica da UE

O Ateneo de Santiago acolle este xoves, 19 de xuño, ás 19.30 horas, unha nova sesión do Seminario Europa, centrada nesta ocasión no presente e futuro da seguridade e da defensa europea. O encontro está organizado en colaboración coa Asociación Federalista de Galicia e terá lugar no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo (Praza de Salvador Parga, 4-2º).

 

A sesión contará como relator principal con José Julio Fernández Rodríguez, catedrático de Dereito Constitucional da USC e director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG). A presentación correrá a cargo de Cristina Ares Castro-Conde, profesora de Política da Unión Europea na Universidade de Santiago.

 

 

Unha defensa europea autónoma e coherente cos valores democráticos

Durante a súa intervención, Fernández Rodríguez abordará a evolución das políticas comúns de seguridade e defensa na UE, afondando na súa complexidade xurídica e institucional e nos desafíos actuais nun contexto xeopolítico tenso. A conversa tamén analizará a interdependencia entre seguridade, dereitos fundamentais e comunicación, así como o papel que desempeñan os estados membros e as institucións comúns na construción dunha defensa europea autónoma, eficaz e respectuosa cos valores democráticos.

 

O relator é un dos principais expertos galegos en políticas de seguridade e conta cunha formación multidisciplinar en Dereito, Ciencia Política, Xornalismo e Comunicación Audiovisual. Exerce tamén como delegado de protección de datos da USC e ten dirixido múltiples proxectos de cooperación internacional. Entre os seus recoñecementos destaca a concesión da Cruz ao Mérito Naval do Reino de España.

O evento é de acceso libre e supón unha oportunidade para reflexionar, desde Compostela, sobre o papel que Europa quere e pode xogar nun mundo crecente de inestabilidade e ameazas compartidas.

O Ateneo analiza os desafíos da defensa europea nun novo encontro do Seminario Europa

Te puede interesar