O Ateneo de Santiago súmase á celebración do Día das Letras Galegas cunha conferencia centrada na tradición oral e no papel das cantareiras na cultura galega. Co título «Eu cantar, cantar, cantei. As cantareiras e a poesía popular oral», o acto celebrarase este luns ás 19:30 h na súa sede da Rúa do Vilar, 19.
A conferencia será impartida por Malores Villanueva, crítica literaria, editora e doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Durante a súa intervención afondará no legado poético que as mulleres galegas transmitiron oralmente durante xeracións a través do canto.
O evento porá o foco nas cantareiras como figuras centrais da memoria colectiva e da resistencia cultural, destacando a súa contribución ao patrimonio inmaterial de Galicia. Nesta edición do Día das Letras Galegas, dedicada precisamente a estas mulleres, reivindícase o seu papel na creación poética popular e na conservación da identidade galega.
Malores Villanueva (Cotobade, 1982) é autora de obras como Lingua en sociedade, A aldea da Xesteira ou A lingua galega entre 1963 e 1975. A súa investigación céntrase na historia da lingua galega e nos contextos sociolingüísticos da ditadura. Ten colaborado con entidades como a Fundación Penzol ou o Instituto da Lingua Galega, e mantén un firme compromiso coa defensa e promoción da cultura galega desde o ámbito educativo e editorial.