Atlántica 2025 converterá a Santiago e Teo no epicentro da narración oral con máis de trinta actividades de balde

O festival desenvolverase do 30 de xuño ao 5 de xullo con espectáculos para público infantil, familiar e adulto, en espazos culturais, patrimoniais e naturais
Atlántica 2025 converterá a Santiago e Teo no epicentro da narración oral con máis de trinta actividades de balde
A programación compostelá arrinca o domingo 30 de xuño con dúas propostas destacadas: Artiloxios, un espectáculo de Oswaldo Pai para público a partir de 8 anos no Teatro Principal (19.00 horas), e Memorias do lume, de Soledad Felloza

Santiago de Compostela e Teo serán este verán dúas das grandes sedes do Festival Atlántica 2025, que regresa cunha programación diversa, interxeracional e internacional centrada na narración oral como acto de memoria e resistencia. Entre o 30 de xuño e o 5 de xullo, o festival ofrecerá 29 espectáculos gratuítos, dos cales 24 serán en Compostela e 5 no municipio veciño.

 

Contos nos escenarios da cidade

A programación compostelá arrinca o domingo 30 de xuño con dúas propostas destacadas: Artiloxios, un espectáculo de Oswaldo Pai para público a partir de 8 anos no Teatro Principal (19.00 horas), e Memorias do lume, de Soledad Felloza, nos xardíns do CSC Maruxa Coralia (21.00 horas). Ambas sesións poñen o foco na creatividade e na memoria como ferramentas de resistencia.

 

 

Ao longo da semana, haberá lecturas públicas, roteiros narrados, contadas en centros socioculturais e espectáculos musicais e escénicos, en galego, castelán e portugués. O martes 1 de xullo, a figura de Castelao será homenaxeada cun maratón de lectura pública no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, que se pechará cun concerto de Bouba Pandeireteiras.

 

Outra das propostas que espertou máis interese é o roteiro A pegada de Castelao, guiado por Carme Varela e Quico Cadaval, que xa esgotou as prazas da súa primeira edición e abrirá novas reservas a partir do 24 de xuño. Tamén destacan espectáculos como De cantos e animais, de Carolina Arabia, ou Contara, de Celso Fernández Sanmartín, que clausurará a programación en Santiago o sábado 5 de xullo no CSC da Rocha.

 

Guía de eventos en Santiago e Teo

Entre as propostas máis destacadas da semana atópanse:

  • Luns 30 de xuño: Artiloxios (19.00 h, Teatro Principal) e Memorias do lume (21.00 h, CSC Maruxa Coralia).
  • Martes 1 de xullo: maratón de lectura Como dicía Castelao (11.30–20.30 h, Bonaval) e concerto de Bouba Pandeireteiras (21.00 h, Maruxa Coralia).
  • Mércores 2 de xullo: contadas infantís en centros socioculturais (12.00 h) e Polos camiños do norte con Dani Lago e Inés Álvarez Villa (21.00 h, Maruxa Coralia).
  • Xoves 3 de xullo: roteiro A pegada de Castelao (19.00 h, esgotado) e Vénme ao bico un conto de Miguel Gouveia (21.00 h, Maruxa Coralia).
  • Venres 4 de xullo: nova edición do roteiro de Castelao (10.30 h), De cantos e animais (19.00 h, Museo do Pobo Galego) e O que non estaba escrito (21.00 h, Maruxa Coralia).
  • Sábado 5 de xullo: Historias de ida e volta (12.00 h, Museo do Pobo Galego) e Contara de Celso Fernández Sanmartín (21.00 h, CSC A Rocha).

 

En Teo, a programación desenvolverase tamén durante esa semana:

  • Mércores 2 de xullo: Artiloxios (12.00 h, Parque dos Tilos).
  • Xoves 3 de xullo: Garavanciña (12.00 h, CRA de Casalonga-Calo).
  • Venres 4 de xullo: A fada do saco verde (12.00 h, CEIP Ramallosa - Lucí) e Vénme ao bico un conto (21.00 h, Antiga Escola de Nenas de Oza).
  • Sábado 5 de xullo: Vicio houbo sempre (21.00 h, Aldea de Penelas, Cacheiras).

 

Teo: contos entre natureza e tradición

No concello de Teo, Atlántica ofrecerá cinco funcións dirixidas a distintos públicos. A primeira será o mércores 2 de xullo no Parque dos Tilos, con Artiloxios. Seguiranlle, entre outros, Garavanciña de Bea Campos (xoves 3), A fada do saco verde de Aida Cobas e o espectáculo para adultos Vénme ao bico un conto, de Miguel Gouveia (venres 4), na Antiga Escola de Nenas de Oza. O festival pecharase en Teo coa contada Vicio houbo sempre, de Atenea García, o sábado 5 de xullo na Aldea de Penelas.

 

Un festival con alma atlántica

A edición de 2025 inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria. A programación quere celebrar a palabra como amuleto, como ferramenta de coidado colectivo, e como ponte entre culturas atlánticas irmás.

 

Atlántica conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, os concellos de Santiago e Teo, o Museo do Pobo Galego, a A.C. O Galo e os centros socioculturais da cidade. Toda a programación está dispoñible en www.festivalatlantica.gal, onde tamén se poden facer as reservas para as actividades con inscrición previa.

Atlántica 2025 converterá a Santiago e Teo no epicentro da narración oral con máis de trinta actividades de balde

Te puede interesar