As escavacións de San Vicente de Trigás afondan na vida das comunidades rurais altomedievais

Un equipo da USC analiza espazos de produción doméstica en Mondoñedo e ofrece visitas guiadas para achegar á cidadanía os avances desta investigación histórica
As escavacións de San Vicente de Trigás afondan na vida das comunidades rurais altomedievais
Os traballos reanúdanse o luns 25 de agosto

Do 25 de agosto ao 5 de setembro, as escavacións arqueolóxicas na aldea de San Vicente de Trigás, en Mondoñedo, profundarán de novo no pasado altomedieval galego. Os traballos liderados por un equipo da USC desenvolveranse en Combarro, en concreto, na finca do veciño Miguel Chao, grazas á súa desinteresada colaboración. “O obxectivo é analizar con máis detalle os espazos de produción doméstica xa localizados”, explica a investigadora do grupo Síncrisis, Investigación en Formas Culturais da USC (SIFC) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), Celtia Rodríguez, quen dirixe a intervención. “Isto permitirá afondar sobre as formas, a xestión, organización e produción das comunidades rurais altomedievais galegas”, destaca.


Pola súa parte, o profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC, pertencente ao grupo Aevum. Idade Media e Medievalismos e ao CISPAC, José Carlos Sánchez Pardo, director científico da intervención, subliña que “sen dúbida, trátase dunha oportunidade única para coñecer as formas de vida rurais nos séculos altomedievais”.


Diversidade e autosuficiencia

Nas campañas de 2023 e 2024 localizouse unha estrutura compartimentada complexa (unha vivenda con divisións internas), un forno datado entre os séculos V e VII, e varias lareiras asociadas. Este ano está previsto abrir tres sondaxes para ampliar e precisar a información sobre este espazo de produción doméstica altomedieval. Sánchez Pardo destaca o valor patrimonial do xacemento xa que “a través destes estudos podemos observar a diversidade de poboamento na paisaxe altomedieval e a capacidade de autosuficiencia destas comunidades nun período pouco coñecido”.

 

Os traballos deste ano inclúen tamén unha aposta decidida pola difusión e a divulgación. “Abrimos por escavación, o noso compromiso é achegar os resultados tanto á comunidade local como á científica”, explica Celtia Rodríguez. “Para iso, realizaranse visitas guiadas e charlas in situ no propio xacemento”, engade. Ademais, a través do perfil na rede social Instagram @coidarq poderase seguir o avance das escavacións en tempo real. A escavación pode visitarse de luns a venres entre as 10.00 e as 15.00 horas

 

A intervención enmárcase en varios proxectos de investigación. Trátase de ESNECON (Escenarios de negociación e conflito en espazos de xestión comunal) liderado por Marga Fernández Mier da UNIOVI e o profesor José Carlos Sánchez Pardo da USC, financiado pola Axencia Estatal de Investigación; e COIDARQ (Coidados, materialidades e espazos), dirixido por Celtia Rodríguez González e financiado polas axudas posdoutorais da Xunta de Galicia 2024, que analiza as sociedades rurais altomedievais desde a perspectiva de xénero.

 

Os traballos contan co financiamento da Axencia Estatal de Investigación e da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O equipo gozará tamén do apoio técnico da empresa Tempos Arqueólogos e coa colaboración científica da asociación Sputnik Labrego, dedicada ao estudo das sociedades rurais do noroeste, alén de Apartamentos Lumen Place, situados en Mondoñedo. 

As escavacións de San Vicente de Trigás afondan na vida das comunidades rurais altomedievais

Te puede interesar