Avanzan os traballos para transformar Pontepedriña nun barrio verde

Estanse a retirar tres especies invasoras e foráneas para dotar dunha maior naturalidade e resiliencia as zonas verdes nesta área
Avanzan os traballos para transformar Pontepedriña nun barrio verde
Obras no barrio verde de Pontepedriña

Os traballos no barrio verde de Pontepedriña continúan coa retirada de especies exóticas, unha eliminación na que se están seguindo os principios da restauración ecolóxica e das liñas de acción establecidas nas estratexias de infraestrutura verde europea, estatal e galega.

 

As tres especies que se están eliminando desta área de actuación son a "Robinia pseudoacacia", coñecida como acacia negra ou falsa acacia; o "Eucayptus globulus"; e o "Agapanthus africanus". Convén sinalar que algunhas destas especies, como é o caso do Agapanthus africanus, que é unha planta moi usada con fins ornamentais, só se expande e é invasora cando carece de factores naturais de control, polo que está sendo retirada das áreas próximas ao río Sar para ser reutilizada en zonas delimitadas fisicamente (como por exemplo en rotondas), polo departamento de Parques e Xardíns.

 

Concretamente estanse a retirar as especies arbustivas do noiro adxacente ao IES de Pontepedriña  e serán eliminados 23 exemplares de especies exóticas e invasoras e 16 exemplares de especies exóticas, mais non invasoras. No seu lugar plantaranse outras especies nativas, que non supoñan un risco medioambiental e que axuden a mellorar a naturalidade das zonas verdes. Así, plantaranse especies como carballos, érbedos ou acivros, especies autóctonas de ribeira e outras especies arbustivas adaptadas ao noso clima e territorio.

 

"Entre Sar e Sarela"

As obras do barrio verde de Pontepedriña, que comezaron a finais de xullo, están incluídas no proxecto "Entre Sar e Sarela" e teñen como obxectivo a renaturalización do quinteiro e a creación dun corredor ecolóxico urbano. O ámbito de actuación está delimitado pola rúa do escultor Camilo Otero, a praza Pintor Laxeiro e a rúa Amor Ruibal, que conta cunha elevada porcentaxe de espazo público destinado ao tráfico rodado.


Convén lembrar que o proxecto “Entre Sar e Sarela” é unha iniciativa conxunta do Concello de Santiago e da Universidade de Santiago de Compostela, que conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), financiada con fondos Next Generation ao 95%. 

Avanzan os traballos para transformar Pontepedriña nun barrio verde

Te puede interesar