Durante o proceso de replicación do ADN, a súa estrutura habitual pode cambiar momentaneamente e formar unha estrutura especial chamada ADN de tres vías. Esta forma alternativa crea un espazo no que poden encaixar moléculas con características específicas. Estas estruturas están relacionadas con certos tipos de cancro, polo que se consideran unha posible diana terapéutica.
Un equipo do CiQUS da USC deseñou unha molécula chamada BTMA-1, que normalmente se agrupa formando fibras. Pero, cando entra en contacto con ións metálicos, estas fibras cambian e xeran moléculas activas capaces de recoñecer o ADN de tres vías.
Este avance, publicado na portada da revista Journal of the American Chemical Society, propón unha nova forma de crear moléculas que permanezan inactivas ata que se activen cun estímulo externo, como o cobalto. Isto podería permitir no futuro liberar tratamentos só cando e onde se precisen dentro do corpo, o que sería moi útil para terapias contra o cancro.
A investigación tamén contou coa colaboración do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo e abre novas vías na unión entre química, materiais e medicina, demostrando o potencial da química supramolecular para crear sistemas intelixentes e programables.