A sala Capitol de Santiago ten hoxe unha das citas máis especiais do ano. A Banda da Loba, unha das agrupacións de música galega máis relevantes do panorama actual, presenta ás 20.30 horas no icónico espazo de eventos compostelán o seu último traballo: 'Lovismo'.
A manda fundada por Xiana Lastra e as irmás Porto no ano 2016 regresan á terra do Apóstolo coa idea de facer algo moito máis alá dun concerto. O seu obxectivo é organizar unha auténtica celebración do amor en todas as súas formas, coa participación de artistas convidados como Tomé Mouriño (do grupo De Ninghures), Adrián Real e Cristóbal Fernández, ademais dalgunha sorpresa aínda por anunciar.
'Lovismo' marca un claro punto de inflexión na traxectoria da banda. Tras un tempo afastadas dos escenarios, regresan cun álbum que explora o amor desde todas as súas caras: desde a sedución en 'Xogo de agardar' ata a celebración da sororidade en 'Amigas', pasando pola emoción da maternidade en 'Estreliña riscada' ou o desexo sen ataduras en 'A bachata da gata'. Tamén seguen tecendo pontes coa literatura galega, adaptando versos de Rosalía de Castro, Olga Novo e Luísa Villalta.
Todo isto, por suposto, acompañado polo seu característico estilo que mestura a identidade tradicional galega cos ritmos máis vangardistas. Neste caso, é froito da produción de Arturo Vaquero, quen xogou un papel fundamental na confección deste disco. A nivel sonoro, 'Lovismo' supón un paso adiante na identidade musical da banda, explorando novos rexistros sen perder esa esencia que a conecta co folclore desde os seus inicios.
Agora, tras xa case unha década de traxectoria e con recoñecementos como o premio Martín Códax ou o Alfredo Iglesias, as lobas están listas para compartir co público este traballo que é tamén unha declaración de principios: amar é un acto de liberdade. Entre preparativos e ensaios, Xiana, Andrea, Estela, Marcela e Iria desvelan os detalles do seu regreso.
Que é ‘Lovismo’?
O traballo fala moito do amor, que é o fío condutor do disco e tamén o protagonista do espectáculo que presentamos hoxe. É unha temática da que ata agora escapamos un pouco, pero quixemos tratala desde moitas perspectivas diferentes, máis alá do amor de parella. Falamos do amor ás amigas, do amor polas fillas, pola terra e por todas as persoas novas que chegan á vida.
Esta estrea chega despois dun tempo de inactividade. Como lle sentou este período ao grupo?
Moi ben. Parecíamos que podería ser bo para nós tomarnos un descanso. Quixemos permitirnos desfrutar do proceso creativo con calma. Foi un respiro. Ademais, aproveitamos de cambiar de guitarrista, agora está Iria Cabo. Foi unha evolución natural que foi moi positiva.
Como foi a adaptación de Iria Cabo ao grupo?
Xenial. Ademais de adaptarse musicalmente desde o primeiro día, é unha intérprete excelente; extremadamente coidadosa cos arranxos. Por outra banda, a nivel persoal, empata moi ben con nós, parécemonos moito todas.
Que proceso seguen para adaptar os versos de escritoras como Rosalía de Castro?
Cando partimos da literatura, normalmente partimos do texto para facer a melodía. Se nos gusta un poema, collémolo e desde aí facemos unha composición musical específica. Por exemplo, como o pasado 2024 foi dedicado a Luísa Villalta, como estamos moi comprometidas coas escritoras mulleres, quixemos facer un par de cancións dedicadas a ela. No seu caso, collemos varios poemas e os adaptamos coma un puzzle. Noutros, como nos de Rosalía, tentamos non modificar nada porque parecen palabras maiores. Se a poeta é nova e podemos falar con ela, como sucede con Olga Novo, preguntámoslle a súa opinión.
No concerto de hoxe poderemos ver algunha novidade na posta en escena do grupo?
Si. Tiñamos ganas de incorporar cambios e modificar a escenografía. Creo que á xente lle vai gustar.
Por último, que mensaxe queren deixar para o público que aínda non ten entradas para o espectáculo?
Que veñan, porque vai ser unha festaza. Ademais, será a noite na que haberá máis colaboracións enriba do escenario.