Ser artista non é sinxelo. Á dificultade de que o teu traballo dependa da aceptación dos demais súmanse outros aspectos que, sen dúbida, fan desta unha profesión vocacional exclusiva para os que están dispostos a sacrificar moitas áreas da súa vida.
A ambición da fama e a presión por non caer no esquecemento, as complicacións de abrirse paso nun circuíto practicamente pechado ou unhas condicións laborais inestables conxúganse á perfección nun oficio que, claro está, vai moito máis alá do estudio e dos escenarios.
Alberto Mira (Pontevedra, 1999), mellor coñecido como Berto, é un dos poucos músicos do panorama galego que se atreve a falar destas cuestións e do efecto que teñen na saúde mental. Tras unha fulgurante etapa inicial no grupo Verto e unha segunda fase en solitario, o pontevedrés viuse obrigado a tomarse un tempo dos escenarios, “entre moitas outras cousas”, por un trastorno bipolar que volveu a súa vida “máis complexa que nunca”.
Porén, hai uns meses, o cantante e produtor anunciaba a súa incursión nun novo proxecto, Resaca Emocional, que, ademais de representar unha das propostas artísticas máis interesantes deste 2024, supón un novo comezo na traxectoria deste prolífico artista galego. Nesta entrevista, realizada no mes de agosto, explica os detalles.
Como te sentes agora mesmo?
É unha pregunta bastante ampla. Estou nun momento de parón, de recalibrar e coller perspectiva do que levas facendo durante anos; pensar se realmente che gusta e se queres seguir tirando por aí. Agora mesmo atópome de baixa laboral, non estou traballando, pero reflexionando e tratando de chegar a un sitio, aínda que non sei cal.
Como foi o proceso de decidir da un paso a un lado e dar prioridade a túa saúde mental?
Foi por necesidade. Nos últimos tres anos fixen mil cousas, exploteime bastante. Por outra banda, Galicia ten a complicación de que non hai diñeiro. Podes traballar un montón pero no sector da arte non hai un duro. Non hai as axudas que tes noutros sitios e acabas traballando case de favor. En definitiva, estiven facendo moito e xerando economicamente moi pouco. Aproveitei moitas oportunidades e saquei moitos proxectos adiante, pero foi moi drenante. Isto, sumado a unha vida moi desorganizada polo trastorno bipolar, fixo que acabase canso.
Polo que comentas, dirías que ser artista é especialmente difícil en Galicia?
É moi complicado. Primeiro, porque Galicia é unha Comunidade que vai moito por modas. Por exemplo, agora volve estar de moda o folk, pero como podes ver hai moi poucos grupos pop. Con Verto, nós no seu momento tentámolo e logramos chegar á xente, pero considero que falta moita variedade e investimento.
Un dos teus selos de identidade é a firme defensa do coidado da saúde mental. Como nace esa inquedanza e como a reciben os teus compañeiros?
Eu cando empecei a facer música vivín un éxito de súpeto, pero ao acabar a etapa de Verto caín nunha depresión moi grande, aínda cun trastorno bipolar sen diagnosticar. Seguín facendo música para permanecer na escena, como moita xente, pero a realidade é que estaba fatal. Fixen ‘Viaxe ao espazo interior’, no que falo de como me sentía, e acabou sendo algo moi xenuíno. Nunca pensei: “quero reivindicar a saúde mental”.
Por último, podes explicarnos en que consiste Resaca Emocional e cales serán os teus seguintes pasos?
Resaca Emocional é o meu espazo seguro. Para min, é volver a tomar a música coma un pasatempo e non desde a présa. Foi moi natural o proceso, somos un colectivo de artistas e a partir de setembro comezaremos a sacar temas do primeiro álbum. Estamos moi conectados a nivel persoal e buscamos gozar da música como debería ser. Pola miña conta, estou explorando moito o mundo das bandas sonoras, así que seguramente para o ano saque un álbum con todas elas.