Cando era pequena, Lúa Mosquetera (Lúa Mosquera) facía bonecos de tea coa súa nai. O proceso era sinxelo ata que chegaba a hora de facer o rostro: pintábano con rotuladores pero a pintura corríase. Co tempo descubriron que era moito mellor bordalo. Dese xeito, a cara dos bonecos perduraba.
Puido ser este o inicio da afección de Lúa polo bordado. Na súa familia nunca houbera bordadoras nin costureiras, pero a ela debeu de comezarlle esa curiosidade por aprender máis dunha técnica que hoxe é tamén a súa profesión.
Lúa é escritora e recitadora mais tamén bordadora. Xestiona un club de bordado en Compostela e cada martes pola tarde un grupo de persoas reúnense con ela na escola La Mapache, na rúa Santiago de Chile. Alí pasan dúas horas bordando, pero tamén tecendo lazos entre eles.
O club naceu ante a necesidade de gañarlle proveito a unha afección que supón moitas horas de traballo. Inspirada pola tradición dos clubs de Latinoamérica, que alí teñen moita fama, decidiu montalo aquí en Santiago e noutras localidades galegas (Cambados, A Coruña e Betanzos). Lúa explica que o bordado “é unha disciplina á que sacarlle rendemento económico é complicado porque o valor é incalculable, non se poden pagar as horas e materiais que se empregan”.
É unha disciplina á que sacarlle rendemento económico é complicado porque o valor é incalculable, non se poden pagar as horas e materiais que se empregan
Ela, en concreto, dedícase ao bordado creativo, no que leva especializándose desde hai dez anos. Comezou vendo vídeos e foi perfeccionando a técnica “equivocándome moito, que é como máis se aprende”, indica. Desfruta especialmente co bordado fotográfico, pero no club as posibilidades son extensas.
A maioría das persoas que se unen ao club de bordado non teñen ningunha noción previa, van para aprender e pasar o tempo. Cando un chega o primeiro día só precisa un bastidor, un par de fíos de bordar, unha agulla e un anaco de tea. O material tráese de casa, pero Lúa ofrece un kit de iniciación para quen o precise.
Comézase confeccionando o máis básico: un bastidor cun ornamento floral. Este deseño leva arredor de catro ou cinco horas, quizais un dos que máis rápido se rematan. Porque o bordado é iso, dedicarlle horas e horas. “Parece que fai falta paciencia, pero realmente o que se consegue é adestrar a paciencia”, di Lúa.
Xa a partir da segunda sesión cada quen pode elixir en que novo proxecto meterse. Pode ser o bordado dunha camiseta, un deseño que se viu en Internet, calquera cousa: “Sempre lles parece imposible pero sexa o que sexa sacámolo adiante. Moita xente nin precisa axuda, eu simplemente dou o apoio”.
O traballo de Lúa é basicamente de guía: “Durante as sesións dou as chaves necesarias para que poidan continuar na casa, pero tamén teñen a posibilidade de escribirme se teñen dúbidas”, explica. É moi habitual que os usuarios do club rematen os deseños na casa “porque é unha actividade moi aditiva, pero tamén hai quen non ten tempo e para eles as dúas horas de bordado son sagradas”.
O club de bordado acolle perfís moi heteroxéneos. Lúa recoñece que predominan as mulleres, pero tamén hai homes que acoden ás sesións. Por idades, desde unha nena de oito anos ata unha alumna de 72.
A maioría comeza de cero, pero é certo que unha pequena porcentaxe xa sabe bordar. Lúa pode ter arredor de oitenta alumnos á semana contando todos os clubs que ten por Galicia. En Santiago acolle a case unha vintena de persoas cada semana: “Teño xente que leva cinco anos comigo, ou incluso desde que se puxo en marcha o club alá polo 2016”, manifesta.
Unha parte fundamental do club son os lazos que se tecen entre os asistentes: “É un espazo seguro para compartir vivencias. Ao final, reunímonos todas as semanas e falamos de cousas persoais, as relacións que se forman son moi estreitas”.
O club é un espazo seguro para compartir vivencias. Ao final, reunímonos todas as semanas e falamos de cousas persoais polo que as relacións que se acaban formando son moi estreitas
E o mellor de todo é que bordar é sinxelo, “moito máis do que parece. É unha disciplina agradecida porque os resultados vense moi rápido. Aínda non tiven a ninguén que abandonara e dixese que non é para ela”, asegura Lúa.
Tamén está de moda, aínda que xa o estivo máis: “Despois do confinamento apuntouse moitísima xente, supoño que para ter algo que facer no caso de que viñese outra pandemia. Tamén pasou coa cerámica ou outras disciplinas artísticas, revalorizouse facer cousas por un mesmo, artesanais”, explica, aínda que agradece que as súas sesións aínda hoxe teñen éxito e adoitan completarse.
Á parte do club, e como mostra do amor de Lúa polo bordado, tamén ofrece obradoiros monográficos en cidades nas que non ten reunións. Trátase de talleres puntuais sobre deseños específicos: bordado botánico, bordado de mascotas…
Lúa pensa que o bordado é atractivo non só como disciplina que é gratificante por si mesma senón polo seu significado intrínseco. Considera que pode ser un exemplo de loita feminista e unha maneira de renovar unha técnica con moitos anos de historia: “Bordar, tecer, son labores que antes se lle atribuían só á muller. Penso que o revolucionario non é sempre eliminar o establecido, senón darlle a volta”.
“Os encontros do club son reunións de mulleres que veñen bordar lemas moi radicais, feministas, ou que veñen para escapar do traballo no fogar”, alude Lúa referíndose a algúns dos deseños que realizan as súas alumnas. “Ademais, o bordado é unha técnica cunha vida moi longa. Un bordado pode perdurar xeración tras xeración, así como o seu saber”.
As posibilidades de creación son infinitas e os deseños duran a vida enteira. Por iso Lúa anima a calquera persoa a unirse ao club, especialmente para quen queira facer algo novo pero non sabe se dar o paso: “Máis que aprender a bordar, que vai gustar seguro, é por dar unha oportunidade a unha experiencia nova, e tamén para coñecer a xente, que hoxe en día é difícil se non é no traballo. Que veñan, non se van arrepentir”.