As artes marciais xaponesas gozan dunha popularidade cada vez maior. O amplo rango de disciplinas que desenvolveu o país oriental atrae o interese dun público diverso que, en moitas ocasións, trata de achegarse a elas desde a práctica. Compostela é un lugar privilexiado para estas persoas, xa que conta cun abano de escolas nada desprezable.
Unha das academias de artes marciais con máis percorrido na cidade é Bushi Kai Alvela. Fundada por Domingo Figueira Alvela, unha das figuras máis importantes do karate galego e recentemente falecido, esta escola leva máis de tres décadas adestrando a deportistas de todas as idades na rúa do Bispo Diego Peláez, en Vite. Aínda que as especialidades son o karate e o judo, tamén dan clases de taekwondo, kobudo (combate con armas) e goshin, unha técnica de defensa persoal.
O karate é a arte marcial por excelencia en Bushi Kai Alvela. Neste curso teñen grupo de nenos, adolescentes e adultos. Os primeiros adestran unha hora ao día tres días por semana, e no caso dos adultos, catro días.
Como calquera deporte, entender o karate require tempo e disciplina. É unha arte na que hai que mergullarse para poder gozala ao máximo, e que consegue atrapar a todo aquel que se anima a probala.
É o que lle pasou a Fran del Prado, un mozo que, durante os seus anos de carreira, decidiu anotarse en Bushi Kai para adestrar karate. Fran xa o probara con sete anos, no colexio, mais só durante un curso. Semella que é imposible escapar deste deporte.
Como alumno de Domingo involucrouse e deixouse seducir cada vez máis e máis polo karate, ata o punto de que hoxe é un dos adestradores de Bushi Kai Alvela. Fran trata de transmitir ao seu alumnado os seus coñecementos dos tres piares do karate: o kihon, a kata e o kumite.
“É importante non deixar ningún dos tres piares fóra, son inseparables e non poden funcionar uns sen os outros”, explica o instrutor. O kihon é a base, a kata a forma e o kumite o combate. Quizais a kata sexa a parte máis complicada, porque chegar a efectuar as diferentes figuras require de moita repetición e paciencia.
É por iso que o karate ten moito de deporte mental: “máis alá da defensa, o karate vai de automellora e desenvolvemento persoal. É un deporte co que se traballa tanto a autoestima como a propia disciplina”, asevera Fran.
Máis alá da defensa, o karate vai de automellora e desenvolvemento persoal. É un deporte co que se traballa tanto a autoestima como a propia disciplina
Cando un se inicia no karate, todo é novo. As clases son grupais, pero o traballo é individual e iso é o que obriga a un a esforzarse, “e a constancia é a que forxa o carácter”. De cando en vez fan simulacros nos que o alumnado debe saír a amosar o aprendido en fronte de toda a aula: “hai veces que rompen, pasa moito cos adolescentes cando fan kata que non lles saen as figuras e acaban chorando. Pero iso libera a cabeza e axuda a traballar os nervios”.
Para Fran, e a opinión é compartida pola meirande parte dos seguidores do karate, non é esta unha arte marcial perigosa. “Podes levar golpes, o primeiro impacta pero cando levas 100 xa estás afeito”, sorrí. Asemade, tendo en conta que o obxectivo é inflixir dano a unha persoa que ataca, é raro que haxa impactos de gravidade: “de feito, primeiro trátase de defenderse, despois xa vai o contragolpe”, especifica.
Nas competicións é obrigatorio que os rapaces ata 12 anos leven todo tipo de proteccións, e os adultos como mínimo nas pernas e na boca, a maiores de empregar un peto e guantes. Do mesmo xeito, está prohibido o contacto na cara e “téntase inculcar moito o control e o autocontrol. A súa falta penalízase moito, ata pode descualificarse a un participante por contacto excesivo”.
En Bushi Kai Alvela preparan aos rapaces para as competicións. Os que teñen interese asisten, ademais de ás clases ordinarias, a unhas aulas de tecnificación que teñen dúas horas e media de duración cada semana. A escola ten xa unha boa colección de medallas na súa vitrina e ten acadado representación nacional.
Ata fai uns anos, Bushi Kai Alvela organizaba os seus propios campionatos con outros clubs, mais agora tenden a asistir aos arranxados por outros centros e pola federación. É raro que falten a algunha cita e tratan de participar en todos os eventos, desde a Copa Galaica ata a Liga Galega.
Do mesmo xeito, preparan as probas para a obtención dos cintos. O dominio no karate pode medirse a través dos famosos cintos de cores, os obi, que só é posible lograr mediante a avaliación por medio dun exame oficial que inclúe probas técnicas, de coñecemento e de combate.
“A xente marca como obxectivo o negro, pero non é así. O cinto negro é a indicación de que dominas as bases, de que a partir dese momento podes comezar a coñecer a arte do karate”, explica Fran. Son necesarios, por normativa, como mínimo catro anos antes de poder optar ao nivel negro.
A chave está en non obsesionarse coas titulacións, porque o karate é moito máis ca iso: “penso que a comunidade é moi distinta á que pode haber noutros deportes, igual por ese compoñente espiritual”, indica Fran. O rendemento remata por ser secundario, importa moito máis a busca e o traballo cun mesmo, que finalmente é o que permite acadar os obxectivos.
“Movémonos nun ambiente no que se prioriza o desenvolvemento antes que os resultados, e iso supón un cambio na filosofía global do deporte. Co karate conseguimos uns beneficios a longo prazo que teñen que ver cun compoñente físico, espiritual e mental”, resume Fran. Físico porque co tempo se perciben cambios na forza, no dominio da respiración e no cardio en xeral, espiritual e mental porque axuda a liberarse do estrés do día a día e é unha arma para potenciar a concentración, a constancia e a abstracción.
Movémonos nun ambiente no que se prioriza o desenvolvemento antes que os resultados. Co karate conseguimos beneficios que teñen que ver cun compoñente físico, espiritual e mental
Aínda que o karate e as artes marciais en xeral non teñan o mesmo calado que outros deportes no noso país, están a gañar adeptos con rapidez e a comunidade é cada vez máis grande. Sen dúbida, no caso de Santiago foi grazas a escolas coma Bushi Kai Alvela que este deporte cobrou forza. Agora, nas mans dos novos preparadores do club está manter o legado tan grande e desde logo inesquecible que Domingo Figueira Alvela deixou na cidade compostelá.