A Cámara de Comercio de Santiago reúnese en Boiro coa presenza de José Ramón Besteiro

María Pais, presidenta da Cámara de Santiago, destacou a fortaleza do sector conserveiro galego e o papel de Jealsa como empresa líder e referente internacional
A Cámara de Comercio de Santiago reúnese en Boiro coa presenza de José Ramón Besteiro
Foto del encuentro

O pleno da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela reuniuse no día de onte nas instalacións de Jealsa, en Boiro. O encontro contou coa participación do secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, e enmárcase na estratexia da entidade cameral para achegar os seus órganos de goberno ao tecido empresarial do territorio. 

 

Gómez Besteiro foi recibido pola presidenta da Cámara, María Pais; a secretaria xeral, Rosa Mary Cardeso, e o equipo directivo da empresa boirense así como o secretario xeral de ANFACO, Roberto Alonso. 

 

 

A sesión comezou cunha visita guiada polas instalacións de Jealsa, na que se destacou a evolución da empresa cara a un modelo baseado na sustentabilidade, a innovación e a economía circular. Na súa intervención, a presidenta da Cámara, María Pais, puxo en valor o compromiso da Cámara “co fortalecemento do tecido empresarial e a promoción do crecemento empresarial e o emprego da demarcación cameral, así como a súa disposición para seguir traballando para facer accesibles ás empresas, con independencia do seu tamaño e sector, as diferentes políticas públicas, e para trasladar ás distintas administracións as inquedanzas empresariais”. 

 

Recalcou, neste sentido, que as Cámaras, pola súa capilaridade, transversalidade e defensa dos intereses económicos xerais son as “interlocutoras idóneas para dar voz ás necesidades das empresas, xa que aseguran unha composición equilibrada, neutral e intersectorial”. 

 

Pola súa parte, Roberto Alonso, secretario xeral de Anfaco, subliñou “a importancia de acadar unha unidade institucional total para que o atún sexa excluído da negociación dun acordo de libre comercio entre a Unión Europea e Tailandia. O contrario, implicaría xerar unha competencia desleal con grave risco para a industria galega por falta de mesmos estándares, especialmente ante o emprego xeneralizado na Tailandia de pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.” 

 

 

Preto dunha vintena de membros do pleno participaron na reunión, que foi clausurada polo secretario do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro. Na súa intervención, o líder socialista advertiu sobre o impacto “da guerra comercial iniciada pola Administración Trump, que pon en risco os importantes avances das exportacións galegas cara a Norteamérica, cun incremento do 40 % nos últimos anos ata superar os 800 millóns de euros”. Subliñou a importancia de abrir novos mercados e de contar con instrumentos de apoio ás empresas afectadas. Quixo ademais recoñecer o papel fundamental das Cámaras de Comercio neste eido, tanto polas misións comerciais que impulsan como polo apoio á internacionalización, os programas de formación, a expedición de documentos de exportación ou o seu labor na modernización e dixitalización das empresas, tarefas todas elas especialmente valiosas no contexto internacional actual. 

 

Referente clave para 30.000 empresas 

A Cámara de Comercio de Santiago representa a preto de 30.000 empresas e autónomos de 32 concellos do sur da provincia da Coruña. Entre as súas funcións destacan a promoción exterior, o asesoramento empresarial, a formación, a xestión de proxectos europeos e a emisión de certificacións. A entidade tamén impulsa a dixitalización e a innovación nas pemes mediante eventos e xornadas formativas. Coa súa presenza en iniciativas como o programa Erasmus para Mozos Emprendedores e a súa colaboración activa coas administracións públicas, a Cámara compostelá contribúe a mellorar a competitividade do tecido empresarial da comunidade. 

 

JEALSA 

Jealsa é unha empresa familiar española fundada en 1958 por D. Xesús Alonso Fernández. Dedicada á fabricación e comercialización de conservas de peixe e marisco, nestes máis de 65 anos de historia foron moitos os logros acadados pola compañía. Grazas á innovación e á aposta pola diversificación, Jealsa é un dos principais produtores a nivel mundial. Na actualidade, a compañía está integrada en diversas sociedades divididas en 3 áreas de actividade: alimentación, valorización e enerxía.

A Cámara de Comercio de Santiago reúnese en Boiro coa presenza de José Ramón Besteiro

Te puede interesar