Os cans van á clase: Euskogal, escola canina en Compostela

Nun espazo rodeado de castiñeiros e aire puro, un experimentado equipo de adestradores atende diariamente a estas mascotas para ensinarlles pautas de comportamento e de obediencia, á par que ofrece instalacións para a práctica lúdica do Agility
Os cans van á clase: Euskogal, escola canina en Compostela
Adestramento canino en Euskogal

Din que o can é o mellor amigo do home. Hoxe é máis habitual ca nunca que estes animais completen o núcleo familiar, de xeito que son, a todas as luces, un máis do fogar. Xa que logo, os donos destas mascotas consideran necesario que aprendan unhas pautas de comportamento básicas para favorecer unha convivencia sá e cómoda

 

Hai cans de todo tipo, de diferentes razas e tamaños e distintos patróns de conduta. Aínda que semelle que a tarefa de educalos poida ser sinxela, o certo é que en moitos casos non o é. Polo tanto, requírese intervención de profesionais que tomen as rendas da súa instrución. 

 

As escolas de adestramento canino constitúense como unha opción cada vez máis demandada para acometer esta tarefa. Os composteláns que teñan cans e precisen educalos están de sorte, porque a cidade conta con servizos deste tipo. 

 

Euskogaladestrador
Carlos Álvarez Gómez, cabeza do grupo de traballo canino Euskogal

 

Na parroquia de Figueiras opera o grupo de traballo canino Euskogal. Un grupo de cinco adestradores, capitaneados por Carlos Álvarez Gómez, atenden diariamente a un amplo número de peludos co gallo de convertelos na mellor versión de si mesmos. 

 

O seu comezo foi, como pasa coas mellores historias, fortuíto. Carlos era carpinteiro, e o de adestrar cans xa o facía, pero como afección a través dunha asociación. Cando era pequeno non lle deixaban ter mascotas e, como el di, “cando algo está prohibido máis ganas hai de facelo”. 

 

Foi por iso que, a raíz do peche da empresa na que traballaba, tivo que reinventarse e decidiu apostar polo que realmente amaba facer

 

Era o ano 2004 cando tomou a decisión de formarse seriamente naquilo que hoxe é o seu medio de vida. El e unha compañeira vasca —de aí o nome, Euskogal, da unión de Euskadi e Galicia— abriron o espazo que hoxe é un fervedoiro de vida, rodeado de castiñeiros e multitude de cadelos.

 

Os cans máis obedientes

 

A meirande parte das persoas que se achegan a Euskogal teñen un obxectivo claro: que as súas mascotas sexan obedientes e teñan un bo comportamento. No grupo de traballo canino ofrecen pautas de adestramento para logralo, que se practican en varias sesións no centro pero que tamén deben aplicarse nos fogares.

 

Empregan unha técnica coa que conseguen que os cans sexan capaces de realizar certos exercicios ou habilidades. En liña co anterior, tamén traballan en prol da modificación de condutas agresivas ou problemáticas para a convivencia coas familias. 

 

 

 

“Se conseguimos controlalos, facer que obedezan e se comporten ben, a convivencia cos cans será moito mellor”, apunta Carlos Álvarez. É o que buscan case todos os clientes, se ben en Euskogal tamén ofrecen preparación para os cans na busca de substancias vía olfactiva, mantrailing (rastrexo de persoas) e intervencións asistidas con animais en contextos terapéuticos ou educativos.

 

Non está de máis comezar canto antes a traballar coas mascotas para conseguir resultados: “Nós ofrecemos adestramentos desde que son ben pequenos. A partir dos tres meses xa se pode comezar a traballar”, indica Carlos Álvarez. 

 

Porén, é preciso compromiso. Os froitos non se ven dun día para outro, senón que hai que cultivalos pouco a pouco e con constancia: “Se non se adestra no fogar é complicado. Aquí damos unhas pautas, facemos exercicios nas instalacións, pero lévase tarefa para a casa”, explica o adestrador.

 

Se non se adestra no fogar é complicado. Aquí damos unhas pautas e facemos exercicios nas instalacións durante as sesións, pero lévase tarefa para a casa

 

O habitual é facer unha sesión semanal dunha hora nas instalacións de Euskogal, que se divide en tempo para a práctica e para a explicación das pautas a traballar para a próxima semana. Se nas sesións se evidencia que non houbo adestramento na casa, non se explican tarefas novas: “O que buscamos é sobre todo ter unha boa base. Sen iso non se fai nada”, asevera Carlos.

 

Gozar cos cans

 

Ademais do compoñente educativo, Euskogal conta cunhas instalacións amplas para a práctica de agility, un deporte cada vez mellor considerado e que moitas persoas practican como afección. 

 

Euskogal pista
Instalacións de Euskogal

 

“A finalidade do agility é gozar co can. Así e todo, para poder realizar este deporte primeiro é necesario ter control sobre o animal, o que pasa por conseguir que sexa obediente”, explica Álvarez. A primeira fase, pois, é conseguir esa boa base a través da que se acada a conexión coa mascota.

 

A finalidade do agility é gozar co can. Así e todo, para poder realizar este deporte primeiro é necesario ter control sobre o animal, o que pasa por conseguir que sexa obediente

 

No agility os cadelos aprenden a realizar un circuíto con diferentes elementos, como barras de salto e túneles, sempre cun guía. De aí que se consiga crear unha forte conexión entre ambas partes

 

Unha ou dúas veces ao ano mesmo se organizan competicións deste deporte no centro de adestramento: “Temos a sorte de ter aquí unha contorna controlada para a práctica desta disciplina”, comenta Carlos. A participación nestas xornadas sempre é alta. Arredor de 120 cans se apuntan de cada vez para amosar a súa destreza.

 

Formación de calidade

 

O adestramento de cans é unha práctica que require dunha alta formación, cualificada, a través de cursos e seminarios. No caso de Carlos Álvarez, formouse por toda España, e hoxe el mesmo ofrece de cando en vez cursos en Galicia. 

 

A escola de adestramento canino Euskogal brinda todos os seus servizos con selo de calidade, e acolle cos brazos abertos a calquera persoa que queira achegarse co seu can, ou cans, na busca de orientación educativa. Como remarca Carlos: “Estamos aquí para quen queira coñecernos, como se queren primeiro vir soamente a ver que é o que facemos”.

 

Os cans van á clase: Euskogal, escola canina en Compostela

Te puede interesar