Hai escolas que destacan, que se esmeran en ofrecer unha atención acorde aos tempos, que foxen dos métodos tradicionais e abrazan as metodoloxías do século XXI.
Nas escolas que destacan, o alumno é o protagonista.
Casa do Neno é unha destas escolas. Neste centro de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela esfórzanse por aproveitar todas as oportunidades que se lles presentan para ofrecer unha aprendizaxe actualizada e comprometida co mellor desenvolvemento do seu alumnado.
Aínda que a historia do centro conta xa varias décadas, o seu renovado proxecto educativo foi implementado hai oito anos e caracterízase pola potente integración da tecnoloxía e a aposta por métodos de traballo colaborativos nos que os rapaces aprenden a xestionar asuntos do día a día e a gañar independencia desde ben pequenos.
Eva Vidal Querentes, directora da Casa do Neno, decidiu darlle un cambio ao programa do centro e “ofrecer lo que otros colegios no ofrecían”. Así, se un entra nas súas aulas atopará espazos diferentes aos que se poderían observar nunha aula tradicional.
Son aulas con arredor de vinte estudantes en cada unha e moi ruidosas, porque na Casa do Neno aprenden entre todos. Non fan uso do típico e arcaico método lectura-memorización. Traballan por proxectos que engloban competencias de varias materias, de xeito que a aprendizaxe é transversal.
No seu método o profesor é un guía que lles facilita aos seus alumnos o camiño cara ao o coñecemento, pero son estes os que deben ir descubrindo, pola súa conta, os contidos. En cada aula hai grupos de traballo nos que cada membro ten asignado un rol e, por ende, unha función.
O mestre propón un “desafío inicial que despierta la atención de los niños”, e de aí xorde todo un proceso de aprendizaxe que desemboca nun proxecto cun fin social, como pode ser unha campaña, unha representación, un acto, un programa de radio ou un vídeo. Durante o transcurso dos proxectos, os nenos rematan por actuar como profesores entre eles, favorecendo neste caso unha aprendizaxe cooperativa e entre iguais.
Na Casa do Neno celebran a aprendizaxe. Eva Vidal alega que a aprendizaxe “debe ser significativa” e isto tradúcese en evidenciar todo o traballo que os pequenos van facendo durante o curso. É por iso que, se un camiña polos corredores do colexio, verá as paredes empapeladas con infinidade de ideas, deseños e esquemas.
Siempre celebramos el aprendizaje, es importante evidenciarlo y por ello todo lo que aprenden está en las paredes
Atentos ás novidades nos modelos de ensinanza, na Casa do Neno teñen en conta o coñecido como DUA, Deseño Universal para a Aprendizaxe, que aposta por un currículo flexible e personalizado para cada estudante. Iso si, sempre facendo fincapé no desenvolvemento de capacidades chave: crítica, de análise, tecnolóxica…
Precisamente a tecnoloxía é parte fundamental do proxecto educativo. César Machado Fernández, coordinador TIC e mestre de primaria no centro, explica que “es importante que la información llegue por varios canales”. Non usan libros de texto, pero si que teñen libros (a ampla biblioteca do centro dá conta diso) e tamén usan cadernos nalgunhas materias, pero todos os alumnos teñen unha tableta que facilita e controla os procesos de traballo nas aulas a través da ferramenta Google Suite.
Lonxe de ver a tecnoloxía coma un perigo, na Casa do Neno preténdese alfabetizar na súa materia e, deste xeito, combater e previr os seus riscos asociados. Desde moi novo, segundo asevera César Machado, o estudantado aprende a buscar e contrastar información en Internet, a empregar as ferramentas tecnolóxicas con responsabilidade e, en definitiva, a sacar o máximo proveito deste recurso.
A aposta pola tecnoloxía tamén se ve reflectida na integración da robótica no currículo. Os nenos aprenden a construír e a programar robots, adquirindo á súa vez nocións básicas de programación. Ademais, outras disciplinas que tamén integran son o xadrez, a oratoria (algúns alumnos mesmo participan en concursos) e o dominio do inglés.
Desde os dous anos, certas materias coma educación física, música e arte impártense en inglés. E desde os tres ou catro anos, os rapaces comezan a escribir neste idioma. Casa do Neno avoga polo plurilingüismo (castelán, galego e inglés) e mesmo ofrece preparación para os exames de Cambridge, que contan cunha alta taxa de aprobados.
Casa do Neno representa un modelo educativo singular, polo tanto a formación do profesorado, moi especializada, dáse dentro do propio centro. De base, todos os mestres teñen un nivel medio ou avanzado de inglés, pero o que prima para formar parte do cadro de persoal son o interese polo proxecto educativo e as ganas de aprender e compartir experiencias.
O labor do profesorado compleméntanse coa visita de especialistas en función dos proxectos que se estean a desenvolver no centro, e que imparten coloquios sobre temas de diversa índole que espertan a curiosidade dos rapaces.
As familias tamén participan na aprendizaxe. Desde o centro anímanos a coñecer os proxectos e están abertos a resolver todas as súas dúbidas e inquedanzas. Tanto Eva Vidal coma César Machado inciden na importancia de que pais e nais sexan conscientes da educación que os seus fillos reciben e do seu potencial.
Casa do Neno conta con varios centenares de alumnos matriculados. O seu proxecto educativo aínda non é coñecido pola maioría da poboación, pero esperta cada vez máis interese entre as familias que optan por ofrecerlle aos seus fillos unha aprendizaxe personalizada, diferenciada e acorde aos novos tempos. Polo de pronto, desde Casa do Neno seguen traballando para seguir á vangarda do sistema educativo.