Chichalovers Santiago, recoñecido espazo gastronómico recentemente galardoado cun Solete da Guía Repsol, continúa innovando coa presentación de "O Bocata do Chef". Esta nova creación de edición limitada, protagonizada polo chicharrón, estará dispoñible na carta do local durante un mes a partir do mércores 20 de novembro.
"O Bocata do Chef" é unha homenaxe ao produto tradicional galego reinterpretado con creatividade. O bocadillo, cuxa receita cambiará cada mes, combina a esencia do chicharrón coa visión innovadora dun chef galego de vangarda, cuxo nome será desvelado durante o evento de presentación que terá lugar o martes 19 de novembro.
Este evento, reservado para medios de comunicación e influencers, servirá como plataforma para descubrir en primicia a identidade do chef e degustar a súa creación. Segundo explicaron desde Chichalovers, “Cada edición mensual estará a cargo dun cociñeiro galego recoñecido, comprometido coa cociña de proximidade e cunha filosofía sostible”.
A iniciativa busca poñer en valor os produtos locais e apoiar aos pequenos produtores, mantendo o compromiso coa sostibilidade e a cociña de quilómetro cero. Desde o local destacan que este proxecto “é unha oportunidade de fusionar tradición e modernidade para ofrecer unha experiencia gastronómica única”.
O recoñecemento obtido recentemente pola Guía Repsol reafirma o posicionamento de Chichalovers como un referente na escena culinaria compostelá. O espazo, coñecido pola súa capacidade para combinar tradición e vangarda, invita aos seus clientes a descubrir esta proposta innovadora e celebrar os sabores galegos desde unha nova perspectiva.