A chuvia non frea as reservas dunha Semana Santa que se presenta moi positiva para a hostalería

O colectivo prevé unha ocupación alta, de máis do 80%, no que está a ser un moi bo ano para o sector
A chuvia non frea as reservas dunha Semana Santa que se presenta moi positiva para a hostalería
Chuvia na Zona Vella | ELADIO GONZÁLEZ LOIS

A Semana Santa sempre foi un dos mellores momentos para a hostalería; o que tradicionalmente marcaba o inicio da tempada alta ou, polo menos, o período de maior actividade no primeiro cuadrimestre do ano.


Neste 2024, presentouse cedo e cun tempo moi chuvioso, de xeito que existía certa preocupación no sector por como poderían repercutir estas circunstancias na ocupación e as reservas.

 

Non obstante, dúas das asociacións máis importantes do colectivo hosteleiro confirman a este medio que climatoloxía e o cedo que se presentan os festivos non están a afectar negativamente. Incluso, ao contrario.

 

A previsión para os festivos


O presidente de Hostalaria.gal, Lois Lopes, confirma a este medio que agardan un “85% de ocupación”, o que representa un dato máis que bo.

 

Lois lopes
Lois Lopes, presidente de Hostalaría.gal


Pola súa parte, a responsable de Hostelería Compostela, Sara Santos, revela os mesmos datos, e ademais puntualiza que as reservas están concentradas, sobre todo, no venres e o sábado.

 

Sara santos
Sara Santos, presidenta de Hostelería Compostela


Ademais, engade que nos hoteis máis próximos á Catedral, podería superarse o 90%.


Así, confírmase a continuidade dunha tendencia que Santos califica como “muy buena, mejor incluso que otros años”.


Da mesma maneira, os voceiros das asociacións hostaleiras máis importantes da cidade coinciden en que a climatoloxía non está a afectar demasiado.


Porén, si que o fixo o cedo que caeu a Semana Santa porque, como sinala Lopes, “é final de mes, colle o cambio horario e está moi próxima ao entroido”.

 

Expectativas para o verán


Co coñecemento de que o primeiro terzo do ano permitiu que a hostalería desfrutase de moita actividade, o normal é pensar que a tempada alta podería presentarse aínda máis alta que nos últimos tempos.


A este respecto, Lopes declara que non ten expectativas sobre como será o verán, só que “non hai datos para que sexa mala”.


Porén, Santos si que confirma que xa hai "muchas reservas" e que, se non cambia nada, "estamos ante un buen año para la hostelería santiaguesa".

A chuvia non frea as reservas dunha Semana Santa que se presenta moi positiva para a hostalería

Te puede interesar