Persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de presentar unha innovadora estratexia para mellorar a reciclaxe de plásticos mediante encimas encapsulados en nanosferas de proteínas producidas por bacterias. O traballo, realizado por expertos do CiQUS e do CRETUS, céntrase no tereptalato de polietileno (PET), o polímero máis común nos envases alimentarios e botellas, e logra unha degradación case completa en menos de tres días.
A proposta consiste en inmobilizar encimas especializados na degradación do PET dentro de estruturas proteicas xeradas polas propias bacterias, concretamente a especie Escherichia coli. Esta tecnoloxía permite que os encimas sexan máis estables, recuperables e reutilizables, superando así unha das principais limitacións da reciclaxe enzimática: o seu alto custo e a súa curta vida útil nos procesos industriais.
Segundo explican os autores, esta metodoloxía simplifica a produción dos encimas ao integrala nun só paso, grazas á tecnoloxía IC-Tagging desenvolvida no CiQUS. A proteína viral muNS-Mi autoensámblase dentro das bacterias formando nanosferas que capturan o encima marcado cunha pequena etiqueta. Deste xeito, a célula actúa como unha microfábrica que produce o sistema funcional xa listo para o seu uso.
No estudo, os investigadores empregaron unha variante optimizada de cutinasa, o encima LCCICCG, para degradar mostras reais de PET procedentes de bandexas de froita, froitos secos e material de laboratorio. Sen necesidade de pretratamentos, o sistema logrou descompoñer máis do 90 % do plástico en menos de tres días, e foi eficaz mesmo ao reutilizarse en dous lotes consecutivos.
Adrián López Teijeiro, primeiro autor do artigo, destaca que os resultados superan as marcas obtidas ata o momento con outros métodos de inmobilización: “O noso sistema xorde como unha ferramenta con gran potencial para apoiar a traslación industrial dos novos encimas que se van desenvolvendo para a degradación de PET e outros polímeros, e así contribuír definitivamente á economía circular dos plásticos”.
O estudo enmárcase no proxecto PETzyme, financiado polos fondos NextGeneration da Unión Europea, e está coordinado por Gemma Eibes (CRETUS) e José Martínez Costas (CiQUS). Ademais, a tecnoloxía conta con apoio do Programa FEDER Galicia 2021-2027 e do Plan Nacional de I+D+i (PID2022-139720OB-I00).
O equipo está actualmente a traballar na escalada da tecnoloxía e na mellora do rendemento dos encimas inmobilizados, co obxectivo de levala ao ámbito industrial. Así mesmo, apuntan que esta plataforma podería adaptarse facilmente a outros encimas, ampliando o seu uso a campos como a biocatálise, o tratamento de residuos ou o desenvolvemento de materiais máis sostibles.