Clausura dos cursos ‘Galego sen fronteiras’: 60 estudantes de 20 países levan a lingua galega polo mundo

O ILG e a RAG despediron a 35ª edición desta histórica iniciativa que promove o galego entre alumnado internacional con estadías formativas en Compostela
Clausura dos cursos ‘Galego sen fronteiras’: 60 estudantes de 20 países levan a lingua galega polo mundo
Foto de familia do acto de clausura. Foto: RAG

A entrega de diplomas aos 60 estudantes participantes na 35ª edición dos cursos ‘Galego sen fronteiras’ puxo este xoves o ramo a unha nova convocatoria desta iniciativa promovida polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC e a Real Academia Galega (RAG). Trátase dunha experiencia de inmersión lingüística e cultural na que, ao longo de tres semanas, alumnado de Europa, América e Asia mergullouse na realidade da lingua galega, que agora levan “canda si para espallar o seu coñecemento polo mundo”.

 

Desde 1988, este programa contou co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, e polas súas aulas pasaron xa máis de 2.500 estudantes. Moitos deles, como lembrou a directora do ILG, Elisa Fernández Rei, acabaron converténdose en persoal investigador, tradutores ou promotores culturais vinculados ao galego.

 

Diversidade de orixes e motivacións

Nesta edición participaron estudantes procedentes de Alemaña, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Rusia, Suíza, Ucraína, China, India, Uzbekistán, Arxentina, Brasil, Colombia, Cuba, Estados Unidos e México, así como doutras comunidades autónomas do Estado.

 

A directora dos Cursos, María López-Sández, destacou a diversidade de perfís do alumnado: desde descendentes da emigración galega que buscan reconectar coa lingua dos seus devanceiros ata estudantes sen vínculo familiar que chegan atraídos polo interese académico, ecolingüístico ou sociolingüístico. Para todos eles, a experiencia serve tamén como ponte cara a futuros proxectos de investigación, tradución ou cooperación cultural.

Clausura dos cursos ‘Galego sen fronteiras’: 60 estudantes de 20 países levan a lingua galega polo mundo

Te puede interesar